16.11.10

Política: os socialistas engaden novas irregularidades ás xa numerosas detectadas nas oposicións do Sergas

Lage esixe á Xunta que investigue as oposicións do Sergas pola sospeita de máis irregularidades. Pregunta “se é unha casualidade ou un milagre” que unha familiar directa do opositor que se corrixiu o seu propio exame acadara a mellor nota nas probas ás que se presentou

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 10. O portavoz da Área Institucional do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage Tuñas, esixiu hoxe á Xunta de Galicia que investigue a fondo as probas selectivas do Sergas correspondentes á Oferta Pública de Emprego 2008/2009 “pola existencia de sospeitas de máis irregularidades”.

O parlamentario socialista presentou unha Proposición non de Lei na que esixe ao Goberno galego que cumpra coas recomendacións recollidas no informe elaborado polo Valedor do Pobo, que evidencia a existencia de irregularidades. Así, reclama “as avaliacións estatísticas que permitan coñecer as casualidades existentes polas que sinaladas persoas obtiveron as mellores puntuacións” nas devanditas probas.

Lage Tuñas pregunta “se é unha casualidade ou un milagre” a noticia coñecida hoxe na que se destapa que unha familiar directa do opositor que se corrixiu o seu propio exame acadara a mellor nota nas probas ás que se presentou. Ademais, engadiu, “á vista das denuncias que seguimos recibindo sobre as oposicións do Sergas pedimos que se estenda a investigación á totalidade das categorías nas que se ofertaron prazas”.

O viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia instou ao presidente da Xunta a “adoptar decisións inmediatas” polos “graves feitos descubertos” nestas oposicións asumindo as responsabilidades políticas derivadas da situación producida nestes procesos selectivos. Denunciou que Feijóo “está baltarizando o Sergas ao permitir irregularidades que outorgan unha situación de clara vantaxe a determinados opositores”.

Lembrou que Feijóo “a día de hoxe aínda non se pronunciou para explicar si avala a xestión das oposicións nas que un opositor corrixiu o seu propio exame”. Lembrou que, tal e como conclúen o Valedor e mesmo o informe interno da Consellería de Presidencia, os exames das oposicións do Sergas imprimíronse nunha sala sen control nin vixilancia, e os exames pasaron por varias mans nun pen-drive “rompendo a cadea de custodia”.

O parlamentario socialista advirte de que “acrecéntanse as dúbidas sobre a existencia de máis beneficiarios das irregularidades e ausencias de controis nos procesos previos á realización dos exames en diferentes categorías”.

Por este motivo reclamou “a extensión da investigación aberta a instancias do grupo parlamentario socialista e do Valedor do Pobo ao conxunto das categorías incluídas na Oferta Pública de Emprego do ano 2008 / 09 debida a existencia de numerosas denuncias onde se poñen de manifesto serias sospeitas sobre posibles novos beneficiarios das irregularidades xa denunciadas”.

Antes publicamos todo isto sobre o mesmo asunto

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical