16.11.10

Rianxo: Antón Alcalde estivo na presentación en Santiago do IV Certame Galego de Bandas de Música


Rianxo, 16 de novembro de 2010. Ás 12.00 horas desta mañá tiña lugar no Concello de Santiago de Compostela a presentación do IV Certame Galego de Bandas de Música, que se celebra esta fin de semana vindeira, e da edición das partituras premiadas no II Concurso de Composición. O acto contou coa intervención da concelleira de Cultura e Centros Socioculturais do Concello de Santiago de Compostela, Socorro García Conde, do presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Rubén Souto Santos, e de dous dos premiados no II Concurso de Composición: o rianxeiro Antón Alcalde Rodríguez (premiado na Sección Banda de Música con Pórtico e na Sección Sinfónica con Marea Negra) e Juan Eiras (finalista na Seccion Banda de Música con Auga Levada) cuxas obras serán obrigadas para a presente edición do Certame Galego.

Socorro García Conde salientou o traballo da FGBMP e a labor que se realiza dende a propia Federación para con a xuventude e loou o traballo diario que realizan as bandas de música populares para acadar o alto nivel no que se sitúan na actualidade. Pola súa parte, Rubén Souto Santos, insistíu tamén na importancia do proxecto e dos seus compoñentes: na actualidade o 78% dos 4500 músicos que aglutina a FGBMP non supera os 30 anos de idade e algo mais do 35% do total non chega á maioría de idade. Así mesmo, fixo fincapé no feito de que o Certame Galego coloca ás bandas de música galegas e aos seus compositores no contexto universal, de feito, a canle en youtube da FGBMP suma xa máis de 600.000 reproducións.

Logo de explicar o funcionamento do Certame (consultar toda a información), Rubén Souto Santos deulle a palabra a Antón Alcalde e a Juan Eiras, ámbolos dous premiados na segunda edición do Concurso de Composición do que se presentaba a edición en papel nun pack que recolle as cinco obras galardoadas e un cd coa gravación da estrea por parte da Banda Sinfónica da FGBMP, que agradeceron o premio e recalcaron a importancia da continuidade co Concurso por representar unha oportunidade única para os compositores galegos.


O certame terá lugar esta fin de semana no Auditorio de Galicia, en Santiago

Bandas participantes no IV Certame Galego de Bandas de Música que se celebrará, os días 19, 20 e 21 de novembro, no Auditorio de Galicia:

Sección Terceira

  • Agrupación Musical de Belesar
  • Agrupación Musical de A Guarda
  • Banda de Música de Guitiriz
  • Banda de Música de Chapela
  • Banda de Música de Arca

Sección Segunda

  • Banda de Música Xuvenil de Torroso
  • Agrupación Musical de Goián
  • Agrupación Músico - Cultural de Ribadumia
  • Banda de Música Xuvenil de Barro
  • Banda de Música Popular de Rubiós

Sección primeira

  • Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas
  • Banda de Música de Vilagarcía de Arousa
  • Banda da Escola de Música de Rianxo
  • Banda de Música Municipal de Valga
  • Banda Escola de Música de Beade
  • Agrupación Musical de Vincios

Sección Especial

  • Unión Musical de Valladares
  • Banda de Música Municipal de Caldas de Reis

Web da Federación Galega de Bandas de Música:
http://fgbmp.net/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical