O vicepresidente da Deputación da Coruña, Pablo Villamar, e o alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, suscribiron esta mañá, na sede da institución provincial, un convenio para financiar a construción dun campo de fútbol con vestiarios no lugar de Cadreche, no municipio pobrense. Ao acto asistiu tamén a deputada provincial pobrense Rosana Pérez.
A Deputación destinará para esta nova infraestrutura deportiva un orzamento de 340.000 euros, que representan o 43,76% do importe total do proxecto, que ascende a 776.950 euros.
A parcela na que se construirá o campo ten unha superficie aproximada de 15.300 m2. As obras que contempla o proxecto consisten na ampliación e acondicionamento do espazo de aparcadoiro existente e a creación dunha nova área de aparcadoiro na zona de acceso ao recinto; o peche do recinto con malla metálica con instalación de dúas portas que permiten o uso unificado das dúas zonas, así como un pórtico de formigón armado na entrada; a construción dun campo de fútbol 11 de herba artificial, que terá unha área de xogo de 95 x 60 metros, e equiparase con portarías, redes de fondo e banderíns, e a construción dun edificio de planta baixa destinado a vestiarios para deportistas e árbitros, composto de dous volumes unificados por unha mesma cuberta, cunha superficie construída de 281,7 m2. Este edificio tamén albergará aseos, almacéns e o cuarto de instalacións.
Tanto o alcalde como a deputada provincial mostráronse moi satisfeitos coa sinatura deste convenio, co que se da resposta a unha vella reivindicación dos clubes de fútbol da localidade e aos centos de rapaces e rapazas que constitúen a base deste deporte no concello e que ademais vai permitir ter unhas instalacións modernas e alternativas ao campo de herba natural da Alta.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario