A Pobra do Caramiñal, 7 de xaneiro de 2011. O Concello informa sobre que o pasado mes de novembro comezaron as labores de limpeza das concas dos ríos Morto, Xunderama, Lérez e Pedras. "Brigadas especiais estiveron limpando todos os cauces deste ríos e moi especialmente os do Morto e Xunderama, xa que eran os máis afectados e que máis problemas soen dar coas grandes choivas", asegura o equipo de goberno.
As tarefas de limpeza correspondéronlle á empresa Tarrío e Suárez, encomendadas pola Consellería de Medio Rural. Esta limpeza "deu o seus froitos como se pode comprobar estes días, xa que con todo o que leva chovido, e o que está aínda chovendo, non se desbordou ata o de agora ningunha zona. De tódolos xeitos, indicamos que o traballo aínda está sen rematar, xa que como é lóxico, ditas tarefas non se poden levar a cabo con certas condicións climatolóxicas como as que estamos a padecer, polo que quedan a espera de que o tempo permita retomar ditas labores", aclaran.
O Concello agradece á Consellería de Medio Rural esta actuación e tamén á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil "polo labor que están a desempeñar sobre todo nestes días. Tamén queremos informar aos veciños de todo o concello que no caso de que vexan que en calquera lugar se tivera que actuar por causa das choivas non dubiden en comunicarllo á concellería de Servizos".
Convocatoria de subvencións da Deputación
Por outra banda, desde o Concello da Pobra do Caramiñal lembran aos veciños que, o pasado 22 de decembro, a Deputación Provincial da Coruña publicou a convocatoria de axudas de cultura, deportes, servizos sociais, e promoción económica, dirixidas aos concellos da provincia, entidades culturais e deportivas, así como ONG, e organizacións agrarias e confrarías de pescadores.
O prazo de solicitude remata o vindeiro 31 de xaneiro.
No apartado de cultura e deportes para as entidades, outorgaranse axudas para a promoción de actividades e investimentos en infraestrutura e equipamento. Ditas axudas poderán acadar un máximo de 30.000 € tanto para actividades como equipamento.
Na área de deportes, tanto de base como federado, as subvencións serán de 18.025 € para financiar actividades; de 31.000 € para equipamentos deportivos, e de ata 65.000 € para a actividade deportiva federada de ámbito nacional.
Respecto das subvencións de servizos sociais a Deputación da Coruña convoca axudas de ata 30.000 € para entidades sen ánimo de lucro que promovan accións e servizos de atención sociosanitaria como centros de día, comedores, comunidades terapéuticas, residencias, pisos tutelados, ou transporte adaptado.
No apartado de promoción económica, as subvencións para as entidades ou asociacións o importe máximo é de 30.000 €.
Na mesma convocatoria contémplanse as axudas ás organizacións agrarias da provincia, orientadas á recuperación e posta en valor dos recursos endóxenos de carácter agrícola, gandeiro e forestal. As axudas terán un orzamento máximo de 30.000 € que se destinarán á actividade xeral destas entidades ou a dotación de novas infraestruturas e equipamentos.
E, para rematar, nos quedan as bases das subvencións para o fomento do sector pesqueiro a través das axudas ás confrarías de pescadores da provincia. Neste capítulo contémplanse axudas para actividades (cursos de formación, investigación, e vixilancia das autorizacións marisqueiras), e para investimentos (aplicación de novas tecnoloxías e modernización dos sistemas produtivos, equipamento de lonxas e confrarías). O importe máximo en ámbolos dous apartados será de 60.000 €.
Os concellos tamén contan coa súa propia convocatoria e por iso o da Pobra do Caramiñal ten aos técnicos das correspondentes concellerías a traballar nos proxectos que se presentarán, tanto para actividades coma para investimentos, antes de que remate o prazo da devandita convocatoria, o vindeiro 31 de xaneiro.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario