28.2.11

Cultura: o ribeirense Carlos Callón gaña o premio "Vicente Risco" de ensaio, dotado con 6.000 euros

Ribeira, 28 de febreiro de 2011. O pasado 26 de febreiro fallouse a edición XVI do premio de ensaio "Vicente Risco", convocado pola fundación do mesmo nome. A obra gañadora foi Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, do ribeirense Carlos Manuel Callón, coñecido sobre todo pola súa faceta como activista da lingua galega dende a presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística.


Callón, de formación filolóxica, explica no seu blog como acolleu o premio e de que vai a obra premiada:

"Nesta obra analizo como se constitúe o prexuízo anti homosexual, como se crea a idea de sodomía e como se converte nun pecado central para o cristianismo, a pesar de que está ausente dos primeiros mil anos de historia desta relixión. Mais tamén observo como, xunto co xurdimento da homofobia, aínda se mantén na Idade Media un clima de permisividade nas relacións afectivas entre homes. Pode sorprender, mais as fontes son clarísimas: partillar leito, bicarse en público ou manifestarse "amor" son comportamentos que fan parte do día a día dos varóns, que irán desaparecendo cando estes relacionamentos se vexan desde o signo da homofobia. O amigo e o sodomita conviven nun mesmo terreo de estremas neboentas.

Cada capítulo do libro comeza cun texto literario, historiográfico ou xurídico. En ocasións, o que fago é pór o foco sobre escritos que non foran observados desde esa perspectiva. Por exemplo, detéñome nas "amizades intensas" entre homes en obras da prosa galega medieval, de xeito especial na Crónica Troiana.

Outros son documentos galegos pouco coñecidos. Está nese caso unha cantiga que, sen burla ningunha, fala do amor entre dous homes, o cal ten provocado o estupor da crítica, que viu difícil o seu encadramento nas normas trobadorescas. Tamén é o que acontece coa haxiografía de Paio que se escribiu para a igrexa de Tui no século IX, onde este mártir galego aparece como un Ganimedes cristián. Mais talvez o documento máis importante sexa o da unión entre dous homes no século XI en Rairiz de Veiga, xa que constitúe o testemuño máis antigo que encontramos dun emparellamento homosexual institucionalizado en Galiza, así como un dos máis vellos conservados en Europa.

Por certo, este último texto trae consigo unha importante efeméride. O 16 de abril deste ano fanse 950 anos xustos desta unión. Oxalá non pase desapercibido".

Dende Certo, onde o entrevistamos no seu día, sumámonos aos parabéns por este premio.

Webs de referencia:
http://www.fundacionvicenterisco.com
http://www.carloscallon.com

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical