15.2.11

Rianxo: o Bng mantivo unha reunión cunha das asociacións de mexilloeiros, Aspromeri


Rianxo, 15 de febreiro de 2011. Na súa rolda de reunións con colectivos de Rianxo, o candidato do BNG á alcaldía, Adolfo Muíños, reuniuse cunha nutrida representación da Xunta Directiva de Aspromeri, a asociación de mexilloeiros de Rianxo. Tamén solicitou unha xuntanza co outro gran colectivo de mexilloeiros de Rianxo, a Asociación Rianxeira.

Adolfo Muíños manifestou o seu interese e do BNG en manter unha óptima colaboración cun dos sectores fundamentais sobre os que se asenta a economía de moitas familias rianxeiras. "Aínda que as competencias municipais sobre este sector non son moitas sí é o obxectivo de unir esforzos, concello con asociacións de produtores rianxeiros, para estabelecer sinerxias que apoien o tecido produtivo e que o mexillón da nosa ría teña toda a proxección exterior que precise para a súa comercialización", manifestou.

O alcaldable nacionalista garantiu "o apoio para mellorar a recentemente impulsada festa de exaltación do mexillón e que se convirta na segunda gran cita gastronómica do municipio, xunto coa da xouba, totalmente consolidada". "Como non colaborar!, manifestou Adolfo Muíños, co que é unha das bases produtivas de moitas familias rianxeiras? O mexillón é tamén un dos sinais de referencia turística do concello polo que debe ser esta festa un grande escaparate para o produto e para o concello en xeral, de aí que deba contar cos medios posíbeis, humanos e materiais, para que manteña a súa andaina e mellore ano a ano".

Preocupación polas verteduras á Ría

Compartiu o candidato e os membros do grupo que con el acudiron á xuntanza con Aspromeri a preocupación polos episodios constantes de verteduras que sofre a ría de Arousa e do Concello de Rianxo en particular. Muíños sinalou á xunta directiva que "por fin se centrou o problema sen rodeos e se asumiu que é precisa unha nova estación depuradora con capacidade suficiente para tratar as augas do municipio mesmo cando aumenta a poboación polo verán. Unha vez diagnosticado o problema a Xunta deberá resolvelo nun horizonte próximo".

Mellorar a fachada marítima

Noutro orde de cousas, o BNG trasladou tamén a preocupación pola falta de participación do concello e da sociedade rianxeira en xeral no que atinxe á ordenación e remodelación dos usos portuarios e no deseño da fachada marítima de Rianxo. "Queremos -manifestou o candidato- que o concello e as forzas políticas que forman parte da corporación interveñan neste debate fundamental que até o de agora está cheo de escurantismo pois a información é moi cativa e chega a través dos medios de comunicación nunhas xuntanzas nas que só participan uns poucos interlocutores, nin sequera o conxunto dos afectados". Puxo o BNG como exemplo tamén o recente caso da gasoliñeira de mar nas que se botou abaixo o concurso dunha maneira sospeitosa e caprichosa despois de seis meses de licitado, con empresas e con propostas presentadas, polo que se veñen de pedir explicacións no Parlamento.

Cero euros no GAC5

Adolfo Muíños tamén expresou o abraio do BNG en que ningunha empresa de Rianxo, nin colectivo, nin institución, se beneficiara do primeiro reparto de fondos do Grupo de Acción Costeira de Arousa, o GAC 5 para o ano 2010, e manifestou o desexo de abrir unha oficina municipal de apoio ao emprendimento que entre outros, canalice as axudas europeas existentes e que non están a parar en Rianxo, como o caso dos GAC e mesmo do programa LEADER, con efectos tamén cativos nos sectores produtivos do concello.

Relacionada:


Gasoliñeira do mar: seis meses perdidos

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical