Rianxo, 24 de febreiro de 2011. O BNG de Rianxo presentará no vindeiro pleno do 1 de marzo unha moción para crear en Rianxo a Mesa Local de Comercio, que actuará como órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre administración e comerciantes.
A constitución desta mesa está prevista na Lei 13/2010, de 17 de decembro, do comercio interior de Galicia. Formarán parte da Mesa Local do Comercio representantes da Asociación Rianxeira de Empresarios e un representante da asociación de consumidores a nivel comarcal ou provincial. Xunto a eles representando a corporación asistiría o Alcalde e un número concreto de concelleiros/as, ademais dun secretario, unha persoa designada ao efecto pola Administración local, que asistirá á Mesa Local do Comercio con voz pero sen voto. Adolfo Muíños, un dos asinantes da moción, é partidario de apostar pola maior participación posíbel neste foro e que sirva para potenciar, dinamizar e fortalecer o Comercio Local como actividade empresarial fundamental para o crecemento económico do municipio
Rúa do Medio, en evidente crise
Entre outras tarefas a asumir, explican os nacionalistas, "a mesa do comercio de Rianxo entendemos debe ter un papel crecente no desenvolvemento de políticas activas que contribúan a conseguir un comercio competitivo e dinámico. Especialmente nun momento tan crítico como hoxe que está golpeando brutalmente a Rianxo. Rúas como a do Medio, antes dinámicas e cheas de vida comercial, apáganse, cos escaparates presa de cartelería anunciando alugueiros e venda. Incluso as inmobiliarias pechan nunha deriva que se estende por todo o municipio".
Esta situación, xunto a temas concretos como a proposta de realización das feiras de oportunidades son obxecto da competencia desta Mesa de Comercio, aseguran dende o Bng.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario