Marisol Soneira e José Manuel Lage critican a supresión da axuda ás mariscadoras que non tiveran os 15 anos cotizados para acceder á pensión contributiva
Noia, 25 de marzo de 11. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, e o parlamentario noiés José Manuel Lage, anunciaron hoxe en Noia a presentación dunha moción para reclamar á Xunta a restitución da pensión ás mariscadoras. Esta moción será presentada en tódolos concellos costeiros que conten con agrupacións de mariscadoras. Os socialistas reclaman que o Executivo autonómico restitúa “con carácter de urxencia” esta axuda de 557 euros “para as mariscadoras que, cumpridos os 65 anos, necesitan seguir cotizando ao Réxime Especial do Mar para completar o período mínimo que da dereito a unha pensión contributiva da Seguridade Social”. Os parlamentarios socialistas lembran que esta axuda foi cancelada pola Xunta de Galicia por considerala “un privilexio” para as traballadoras que non teñen o período mínimo cotizado por medio do convenio coa Seguridade Social. Os socialistas galegos consideran que “trátase dun dereito para un colectivo de traballadoras que non obtén ningún tipo de ingresos e polo tanto impide o seu acceso a ningún tipo de axuda de subsistencia, como unha pensión non contributiva”. Sinalan que a obrigatoriedade de cotizar á Seguridade Social para poder acceder a un Pérmex de marisqueo a pé está en vigor dende o ano 2000, o que fixo necesario corrixir as normas e recoñecer a actividade dentro do Réxime Especial do Mar”. Esta data de inicio impide que as mulleres de mais de 50 anos que nunca cotizaran puideran xubilarse aos 65 anos.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario