22.3.11

Ribeira: o Psoe pregunta polas verteduras que emporcan o Río da Cova en Olveira-Bretal

Ribeira, 22 de marzo de 2011. O grupo municipal socialista presentou unha pregunta,  para ser respostada en pleno, na que se refire á desfeita paisaxística e de saneamento na parroquia de Olveira-Bretal.

Como é habitual, publicámola íntegra:
 
Sr. Alcalde/Presidente:
O Grupo Municipal do PSDG-PSOE de Ribeira vén de efectuar este domingo, día 20 de marzo, comprobacións na parroquia de Olveira-Bretal para, entre outros asuntos, determinar as circunstancias e impacto dos problemas de verteduras que se lle tiñan comunicado pola mesma parroquia.
Ditas verteduras son os líquidas e sólidas que están a emporcar o Río da Cova, con diversas procedencias, ademáis do que se realizóu, en distintas datas dos últimos meses, xusto a carón do seu curso, moi a rentes da súa beira, de xeito que vén constituír unha agresión de marxes de curso fluvial e espazos públicos, ademáis dunha acción fortemente destrutiva da paisaxe.
Como vostede xa sabe, as marxes de cursos fluviais son espazos que gozan de protección especial por distintas normativas e, en xeral, pola Lei. Esta vertedura concreta que a carón do Río da Cova se pode comprobar na data actual elévase nalgúns puntos ata dous metros por enriba do nivel do chan anterior, constituíndo evidente risco de escorrentía de lodos ao propio curso, e incluso dunha posibilidade de obstrucción do cauce, tamén prohibida na Lei. O volume aproximado das verteduras é de 3.000 metros cúbicos. A súa composición é maiormente lama, áridos e terra lodificable pola chuvia; pero inclúe abundante materia asfáltica, contaminante, cascallo e material provinte de remoción de solos en obras.

Esta agresión, e mais outras semellantes acontecidas nos espazos próximos ao Parque de San Roque e Monte da Cidade, xa foron denunciados en varias ocasións por este grupo e pola veciñanza, sen que tivesen a debida resposta polo goberno municipal, que é o encargado de garantir, preservar, protexer e colaborar na protección dos cursos de auga e espazos públicos. O Río da Cova presenta evidencias de contaminantes, como noutros casos do Municipio, sen que o Goberno do PP saiba ou quera reaccionar, dado o dilatado no tempo de tales problemas. Por iso, o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ribeira presenta a vostede, diante do pleno da Corporación, a seguinte PREGUNTA:

  1. Que tratamento ou solución vai ser dada polo actual Goberno de Ribeira ao atentado ambiental e paisaxístico que se producíu á beira do Río da Cova?
  2. Que consideración lle merece este problema ao actual Goberno de Ribeira?
  3. Coñece o Goberno de Ribeira que se dese algún tipo de autorización para esas verteduras?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical