26.4.11

Rianxo: este sábado 30, charla-coloquio da asociación "Leiras de Rianxo"

“Presente e futuro no rural de Rianxo”, leva por título

Media_httpfarm4static_bbwtl

Rianxo, 26 de abril de 2011. A Asociación para a Defensa do Rural “Leiras” de Rianxo comunica que o próximo sábado, día 30 de abril, ás 19:30 horas no Auditorio de Rianxo vaise celebrar unha charla-coloquio, na que están convidados a participar os candidatos do BNG, PP e PSOE á alcaldía deste concello e que estará moderada por José Manuel Triñanes, director de Radio Boiro.

Como as liñas prioritarias da Asociación “Leiras” se concentran na defensa dos intereses e valores do medio rural de Rianxo, organizou este acto para que os diferentes candidatos expoñan as liñas principais do seu programa electoral con respecto a este ámbito. Deste xeito, os veciños e veciñas poderán coñecer de primeira man cales son as políticas e actuacións que cada unha das candidaturas ten previsto levar a cabo no rural en relación á consideración que terá no Plan Xeral de Ordenación Municipal –nestes momentos, en proceso de elaboración-; na dotación de servizos básicos; na apertura e acondicionamento de viais; na dinamización da súa actividade industrial, comercial e económica; na creación ou mantemento de áreas recreativas; na súa inclusión nas programacións culturais; e na recuperación dos seus bens patrimoniais.

Para que todas estas cuestións se poidan abordar, os candidatos terán a oportunidade de facer unha presentación inicial, na que, de forma xeral, poidan aludir aos seus proxectos en relación ao rural. Posteriormente, o moderador pasará a facerlles unha serie de preguntas, que serán complementadas por outras que poderán facer os mesmos asistentes, por medio dunhas tarxetas que terán á súa disposición.

Media_httpfarm3static_gsxuk

Tediosos programas electorais que ninguén le

Trátase, en fin, dun acto informativo "que consideramos de suma relevancia por permitir coñecer con certo detalle as actuacións futuras que se van levar a cabo no ámbito rural que, en moitas ocasións, quedan difusas nos tediosos programas electorais, que, á súa vez, case ninguén le. Asemade, consideramos que é un acto que pon no centro da vida municipal o medio rural, que sempre está relegado a un segundo plano, pese a ter un gran peso no Concello de Rianxo. Daí que este acto pioneiro, pois é a primeira vez que se realiza un destas características, sexa decisivo para a orientación do voto de moitos rianxeiros e rianxeiras dos núcleos rurais, cansos de que os encadren na segunda división", explican dende Leiras de Rianxo.  

Media_httpfarm5static_hkhta

Historia de Leiras

A Asociación para a Defensa do Rural “Leiras” de Rianxo foi fundada no mes de febreiro de 2009 por un grupo de persoas que se sentían preocupadas e sensibilizadas ante o abandono e involución que estaban a experimentar as zonas rurais do Concello de Rianxo. Ante a imposibilidade de que os seus núcleos rurais medrasen, por non existir un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e ser elevadísimo o custo da adquisición e rehabilitación dunha casa no rural, moitos dos mozos e mozas que tiñan intención de asentarse neste medio, víronse na obriga de marchar para concellos limítrofes pola súa atractiva oferta de vivendas. Esta marcha das novas xeracións e a desaparición da xente de idade, por cuestións biolóxicas, está a derivar nunha perda de masa poboacional considerable no rural, o que repercute negativamente na súa economía, desenvolvemento, estado de conservación…

Todas estas razóns foron, pois, o xerme da constitución da citada Asociación que ten, entre os seus obxectivos:

  • Defender os interese e valores do medio rural.
  • Loitar por unha consideración xusta e axeitada do rural no PXOM.
  • Velar polos dereitos de información e de iniciativa dos particulares e veciñanza na elaboración do PXOM, un proceso no que estamos inmersos hai moitos anos e que, até o momento, resultou ser un traballo estéril, custosísimo e motivo de discrepancia entre o goberno municipal e os seus veciños.
  • Potenciar todas aquelas accións que promovan a vida social, económica e cultural do rural.
  • Recuperar o patrimonio material e inmaterial do rural.

Por todo isto, esta Asociación procurou información e buscou asesoramento en todas aquelas cuestións que conducisen cara ao cumprimento destes obxectivos, ademais de facer as peticións e reclamacións antes as entidades oportunas para que as súas demandas fosen escoitadas (ver anexo I).

ANEXO I: Accións de “Leiras” 

Dende a súa constitución no mes de abril de 2009, a Asociación para o Desenvolvemento do Rural “Leiras” de Rianxo realizou as seguintes accións:

> Reunións con diferente persoal técnico (arquitectos, avogados…) para informarse sobre a elaboración de Plans Xerais de Ordenación Municipal e, en concreto, sobre a situación do Concello de Rianxo a nivel urbanístico.

> Reunións por todas as parroquias para dar a coñecer a Asociación e facer socios, así como para saber das inquietudes, preocupacións… dos seus veciños.

> Reunións con sectores económicos relacionados co urbanismo.

> Intervención en diferentes medios de comunicación (televisión, prensa…) para dar a coñecer a Asociación e as súas diferentes accións.

> Solicitude, ante as entidades pertinentes, para que se revisasen as velocidades de tránsito que supuñan un verdadeiro perigo en certas vías.

> Reunións e tomas de contacto con diversos organismos para a petición de axudas que contribuísen á consecución dalgúns dos obxectivos da Asociación.

> Atención a todas aquelas peticións ou queixas presentadas polos nosos socios e que tivesen relación cos fins da Asociación.

> Realización de varias xuntanzas co alcalde e diferentes membros da súa corporación e persoal técnico do Concello de Rianxo para falar dos seguintes temas:

      > Presentación da Asociación.

      > Problemática do anterior Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) elaborado pola empresa Arteplan.

      > Delimitación dos núcleos rurais, o que permitiría un avance na elaboración do PXOM.

      > Compromiso por parte do Concello para que se busque unha fórmula ou un sistema concreto para que se coñeza o parecer da veciñanza con respecto á elaboración do novo PXOM.

    > Compromiso por parte do Concello para que se presenten avances do PXOM e os veciños, en tempo e prazo, poidan facer as alegacións oportunas.

    > Revisión do traballo realizado pola arquitecta municipal dadas as queixas que sobre o seu labor se manifestaron.

    > Creación dunha oficina de urbanismo con persoal especializado para que atendese, con adecuación, os problemas puntuais de cada un dos veciños en materia de urbanismo.

    > Maior atención  ás necesidades, carencias e deficiencias que presentan os núcleos rurais de Rianxo.

    > Estabelecemento de prácticas que dinamicen a vida económica e social das aldeas do Concello.

    > Recuperación do noso patrimonio cultural e artístico (petición de información sobre a desaparición dun cruceiro en Somoza).

    > Petición de axudas dadas pola Xunta de Galicia para que as persoas das aldeas tivesen a oportunidade de contar con autobuses gratuítos para desprazarse a Rianxo.

    > Petición para que o Concello incluíse as aldeas dentro do circuíto de actividades culturais que organiza durante todos os veráns. 

> Xuntanzas cos grupos políticos da oposición para coñecer o seu parecer sobre o PXOM.

> Realización de consultas particulares aos socios para saber cál era a súa intención de edificar nalgunha das súas propiedades. Cubríuselle unha solicitude que se acompañou coa correspondente documentación catastral. A seguir, confeccionáronse mapas de todo o concello, para marcar as referencias indicadas polos socios. Queremos entregarlle todo este material ao equipo redactor, pois dende o mes de setembro estamos á espera de ser convocados polo Concello que, no seu día, nos prometera esta reunión e, pese aos insistentes recordatorios pola nosa parte, aínda non fomos convocados.

> Plan de Ordenación do Litoral (POL). Pediuse información a través de diferentes vías (teléfono e escritos que entraron por rexistro) para coñecer o avance feito pola Xunta de Galicia ao respecto para Rianxo, período de exposición pública, alegacións... Así mesmo, solicitóuselle ao equipo de goberno que se fixesen charlas informativas sobre o citado avance. Asistiuse a estas charlar, estudáronse as alegacións feitas polo Concello e fixéronselles certas apreciacións, atendendo sempre aos intereses xerais e particulares da Asociación e dos seus socios.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical