7.6.11

Noia: o posible tripartito no goberno xa colleita contraposicións nas redes sociais

Monstro_tres_cabezas

Noia, 7 de xuño de 2011. Aínda non é oficial, pois ata este sábado 11 de xuño está todo no aire, pero unhas das posibles combinacións para gobernar Noia, a coalición tripartita entre Psoe -6 concelleiros-, Bng -2 concelleiros- e NO.I.A.- 2 concelleiros- xa ten na rede social máis grande de Internet, o Facebook, os seus detractores.

Por unha banda, están os de Noia Indignada, que aproveitan o tirón do movemento 15M e do opúsculo de Stéphane Hessel para arrimar a ascua á súa sardiña -agora que estamos case no San Xoán- para bautizarse. Pola outra, os máis explícitos "Eu tamén rexeito o tripartito noiés. Queremos democracia". Ambos -un é un perfil de Facebook, o outro é unha páxina- partillan a imaxe que ilustra esta información, na que se ve, debaixo dos cornos da besta, ao actual alcalde en funcións, Rafael García Guerrero, e, nas cacholas restantes do monstro de tres cabezas, a Bieito González, líder local do Bng, e a Marisol Villar, xefa de filas da agrupación escindida do PP, os Noieses Independentes Agrupados (NO.I.A.). As intencións son claras, como indican na súa mensaxe para que te sumes á páxina:

"Xa é un secreto a voces, o monstruo de 3 cabezas desgobernará o noso pobo. Estaremos constantemente informando dende esta páxina, indignados pola falta de democracia na nosa vila. Únete!".
Veremos canto dura o experimento destas páxinas. Se sae como a de Portus Apostoli, pouco futuro lles auguramos. Se só se reactiva cando hai contendas electorais, como é o caso dalgúns blogs, sobre todo de políticos, tamén van ter pouca atención. A mesma que pode ter Cortello de Boiro se queda estancado como blog de cabreados coa nova situación política dese concello de Barbanza e non aporta nada constructivo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical