- A primeira saída será o domingo 28 de agosto, centrada no patrimonio arqueolóxico ribeirense, explicou o concelleiro de Deportes esta mañá
- Costa 5 euros e hai que ter máis de 16 anos de idade para participar
Ribeira, 18 de agosto de 2011.- Co fin de que os veciños e visitantes teñan a oportunidade de coñecer o patrimonio natural e histórico do municipio dun xeito diferente, o Concello propón unha nova iniciativa: “Ribeira Sorprende”, consistente na celebración de tres rutas cicloturistísticas que permitirán percorrer sobre unha bicicleta os monumentos arqueolóxicos, miradores e praias do termo municipal.
“Queremos que a xente coñeza Ribeira dun xeito distinto, facendo unha actividade lúdica que sexa saudable e sobre todo gratificante”, manifestou hoxe o concelleiro municipal de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez no transcurso da presentación da actividade. Martínez Queiruga estivo acompañado de Juan Santos como representante do club ciclista Saltamontes e de Moncho Sampedro pola Asociación As Miñoteiras.
A primeira das tres saídas programadas terá lugar o domingo 28 de agosto, a partir das 9 horas, e levará a denominación de Ruta Arqueolóxica en Bicicleta de Montaña. Está organizada polo Concello cos colaboración dos clubs e peñas ciclistas Os Saltamontes, Ácido Láctico e Tahúme e da asociación As Miñoteiras.
Itinerario
A ruta terá un percorrido de 30 km. cunha duración de entre 3 e 4 horas e un grao de dificultade media. Sairá e finalizará no pavillón polideportivo de Coroso e, entre os puntos a visitar, figuran o petróglifo da Pedra das Cabras, a Capela de San Alberto, o Dolmen de Axeitos, o Menhir de Bretal (este fito aínda está en negociacións ao estar afincado nunha propiedade privada), o parque Dunar, o Monte da Cidá ou o Parque Periurbano de San Roque, entre outros.
Inscrición
O prazo de inscrición para participar nesta primeira ruta comeza hoxe e rematará o día 25 ás 12 do mediodía. Os interesados en anotarse poden facelo por medio da páxina web municipal www.riveira.com (en caso de non ter acceso a Internet pódese apuntar na oficina de Deportes do Auditorio Municipal).
O prezo da actividade é de 5 euros por participante, importe que inclúe ruta guiada, coche de apoio, avituallamento (auga, peza de froita e barra enerxética) e servizo de duchas e refrixerio ao finalizar. Poderán participar ata un máximo de 150 ciclistas (federados ou afeccionados) cunha idade maior aos 16 anos.
O uso do casco é obrigatorio e o ritmo de marcha estará controlado pola organización, de tal xeito que os membros das peñas e clubs irán debidamente identificados e abrirán a ruta, non podendo ser adiantados por ningún dos participantes.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario