- Algúns usuarios animáronse a probar as dúas rutas que se ofrecen
- O Concello agarda consolidar esta iniciativa complementándoa cun transporte marítimo
Ribeira, 18 de agosto de 2011.- Un total de 276 viaxeiros subiron ao Autobús Turístico nas 12 sesións celebradas ata o momento dende que se puxo en marcha a iniciativa o 27 de xullo.
Entre os usuarios do autocar, figuran persoas que escolleron Ribeira como destino turístico (procedentes de Madrid, Alicante, Valladolid, Asturias ou mesmo Arxentina, entre outros lugares), veciños do propio concello e grupos organizados (caso este último das asociacións Ámbar e Amicos e nenos do colexio Bayón que están a participar nas actividades de verán).
Satisfacción, disque
O Executivo Local móstrase satisfeito con estes datos, que están por enriba das expectativas iniciais dado o breve tempo do que se dispuxo para organizar e promocionar a acción, e confía en consolidar definitivamente a iniciativa no vindeiro verán, unha vez se impulse un servizo integral de transporte turístico que inclúa, ademais do autocar, unha ruta marítima en catamarán que conecte Ribeira coa outra banda da ría de Arousa e os seus turistas potenciais.
Cabe salientar que algúns usuarios xa se animaron a realizar as dúas rutas ofertadas pola Concellería de Turismo: un primeiro itinerario que visita o miradoiro da Pedra da Rá, o parque periurbano de San Roque e o seu Centro de Interpretación Arqueolóxica, o Museo Etnográfico de Artes, o Dolmen de Axeitos, o miradoiro da Curota e o porto de Palmeira; e unha segunda ruta que pasa polo Carreiro de Aguiño, a Casa da Costa / CIELGA (centro de interpretación do parque dunar), a Gran Duna, o Faro de Corrubedo, o porto de Corrubedo e a ermida e miradoiro de San Alberte.
Houbo tres días en que o vehículo non puido saír debido ao mal tempo.
De mércores a domingo
O servizo funciona de mércores a domingo e ten un custo de 3 euros salvo para os rapaces menores de 10 anos, que viaxan de balde. As entradas están á venta na oficina de turismo do Malecón, que conta cun horario ininterrompido de 9 da mañá a 9 da noite (pecha os luns). O último percorrido terá lugar o vindeiro 28 de agosto.
Para que os usuarios teñan unha información o máis ampla posible, un guía se ocupa de expoñer as peculiaridades de cada lugar e durante o transporte dun punto a outro emítense dous vídeos explicativos: un sobre os atractivos turísticos do municipio e o outro sobre a futura lonxa, da que non se sabe nin cando van comezar as obras.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario