Noia, 1 de setembro de 2011. A Concellería de Urbanismo vén de poñer de manifesto á propiedade do inmoble número 28 do lugar de Taramancos, o inicio do expediente do deber de conservación da citada edificación.
Na visita de inspección realizada polos servizos técnicos municipais compróbase que se trata dunha vivenda unifamiliar de planta baixa e un andar coa fachada principal á estrada xeral, e que presenta un importante desnivel pola parte posterior lindeira co Camiño Real. A edificación ocupa unha parcela de 66 metros cadrados edificados na súa totalidade. A fachada posterior da planta alta formada con muros de ladrillo non dispón de cuberta nin de carpintería nas fiestras, presentando todo o conxunto un avanzado estado de abandono, coa cuberta cedida e con perigo real de derrubo sobre o citado Camiño Real.
A proposta que formulan os servizos técnicos municipais, amparados no precepto da Lei do Solo de Galicia, que establece que os propietarios de inmobles están obrigados e mantelos en condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade e habitabilidade segundo o seu destino, conclúe que se debe proceder “á demolición da fachada posterior da planta alta e á consolidación do resto da edificación”, estimando suficiente para esta labor o prazo de un mes.
Conforme a isto a Concellería de Urbanismo emitirá unha orde de execución, dirixida aos propietarios do inmoble, no sentido indicado polos servizos técnicos municipais. Lembrar que as ordes de execución están recollidas na lexislación urbanística en vigor, existindo tamén unha ampla xurisprudencia do Tribunal Supremo ao respecto: “No ámbito urbanístico, a Administración está habilitada, para intervir na actividade dos administrados, non só na fase de construción dos edificios, senón tamén ao longo de toda a vida destes coa finalidade de garantir a súa permanencia en boas condicións ...” (STS do 5 de xaneiro de 1988).
Pode que tamén lle interese:
Cantón's Jazz&Blues Festival: o 2 e 3 de setembro
Encontro de Habaneras: este domingo 4 de setembro en San Martiño
Antes, en Certo:
Urbanismo: "fóra de ordenación", para arranxar as desfeitas do "ti vai facendo"
Arqueoloxía: piden á Xunta modificar a variante para conservar o de Taramancos
Rehabilitación: comeza a novena fase, con 22 actuacións
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario