- A asociación de veciños de Entíns e Tarás denuncia que persoas "totalmente alleas á comisión de Festas, aproveitándose da boa vontade e xenerosidade dos veciños de Outes, recadaron cartos enganando aos veciños, co fin de facer unha festa para o seu propio beneficio"
O sábado haberá inchables para os máis pequenos
Outes, 13 de setembro de 2011. A directiva da Asociación de Veciños de Entíns e Tarás A.V.E.T., con domicilio en Outes, "lamenta profundamente a situación xerada arredor das festas na parroquia de Santa María de Entíns e rexeita publicamente o modo de proceder de persoas totalmente alleas á nosa asociación e á Comisión de Festas de Entíns que, aproveitándose da boa vontade e da xenerosidade dos veciños do concello de Outes, recadaron cartos enganando ós veciños, co fin de facer unha festa para o seu propio beneficio, que nada ten que ver coas festas da parroquia".
Segundo explican en nota de prensa, "ao parecer, estas persoas, non estaban de acordo co lugar elixido pola comisión de festas para a celebración da verbena do sábado día 17 de setembro, pois o lugar elixido era na zona do Conchido. Unha destas persoas quería levar o palco da orquestra para diante do seu local de copas situado na rúa Agro das Mozas, a escasos 50 metros do lugar previsto pola comisión, decisión que desatou o seu malestar e razón pola cal comezou a recadar diñeiro entre veciños e locais comerciais de Outes, Noia e Esteiro para organizar a súa propia festa no mesmo día".
A polémica xurdiu cando a comisión de festas de Entíns se decata, por medio de numerosos afectados que colaboraron con estes individuos, que o argumentado para recadar estes cartos é que serán empregados para celebrar as festas de Entíns, cousa totalmente falsa, pois as festas de Entíns son organizadas pola comisión de festas vinculada á asociación veciñal da parroquia.
"Estes feitos foron negados polo responsable desta idea quen, finalmente, non conseguiu os permisos pertinentes para cortar a rúa e instalar o palco, motivo polo cal se viu obrigado a cambiar o lugar de celebración da súa festa, a cal foi traslada ó Karting Ayrton Senna. Dende a nosa asociación consideramos que os donos do Karting non eran sabedores de toda esta maraña de mentiras cando lle aceptaron ó señor D.L.V. a cesión do lugar para celebrar esta festa polo que consideramos que non son responsables destes feitos e foron utilizados igual que as persoas que deron os cartos", explican dende a asociación veciñal.
Moitos locais comerciais e profesionais que aportaron sumas de diñeiro a esta xente "estase a atopar coa sorpresa de que a súa publicidade non sae no cartel das festas, e ó preguntar a membros da nosa asociación polos motivos, estanse a dar conta do engano. A directiva da Asociación de Veciños de Entíns e Tarás A.V.E.T. pide desculpas a todos os afectados pola manipulación indebida que se fixo ó utilizar o nome da nosa parroquia para beneficio dun particular. Entendemos que é especialmente lamentable que alguén se aprobeite así dos veciños en tempos de crise, nos que todos valoramos máis o pouco que se poida contribuír para organizar un acto festivo destas características. Asemade, queremos agradecer a todos os veciños que colaboraron con nós para organizar estas festas a súa xenerosidade e ós membros da comisión de festas de Entíns a súa labor", láianse.
"Aproveitamos para convidar a todos os veciños de Outes e dos concellos de arredor, que se acheguen a celebrar, con nós as festas en honor á Virxe das Dolores e a San Roque. A festa organizarase diante do Campo Municipal do Conchido co seguinte programa:
SÁBADO 17:
Teremos un parque infantil e inchables para os máis cativos.
Tamén haberá, durante a tarde, xogos populares e degustación de tortillas....
Non faltedes ó partido de fútbol 7 de solteiras contra casadas.
Pola noite agárdanos unha gran verbena amenizada por:
TRIO ECLIPSE
GRUPO DE ROCK CAMPIN HUSH
Teremos rosca e queimada para todos, así aguantaremos mellor a noite.
DOMINGO 18:
A partir das 10.00 h. dianas a cargo do grupo de gaitas Rumbia e
á 13.00 h. misa solemne cantada polo Coro de Entíns na honra da Virxe das Dolores.
Arrechégate a Entís!"
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario