9.9.11

Ribeira: o Centro de Día de Alzheimer celebrou hoxe o seu primeiro aniversario

  • O concelleiro de Servizos Sociais visitou as instalacións
  • Estiveron xuntos usuarios, familiares dos mesmos e persoal que atende as instalacións

Ribeira, 9 de setembro de 2011- O Centro de Día de Alzhéimer cumpriu o seu primeiro ano de vida e para celebrar a ocasión a entidade xestora das instalacións por adxudicación da Xunta de Galicia, a asociación Agadea, decidiu invitar ás persoas máis achegadas ás 30 persoas que son usuarias do centro á conmemoración da efeméride.

Deste xeito, familiares, usuarios e persoal do centro tiveron a oportunidade de visionar en compañía unha proxección retrospectiva sobre este primeiro ano e, a continuación, tomar un pequeno ágape.

O concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Social, Vicente Mariño de Bricio, visitou o centro e tivo a oportunidade de departir coa presidenta de Agadea, Isabel Gey, co director do centro, Pablo Mirás e co resto do persoal e interesarse polos traballos e tarefas que realizan os usuarios para a mellora da súa calidade de vida. Pola tarde, estaba previsto un obradoiro de persoas usuarias no que participarán os usuarios da instalación.

Arranxos da rúa Cristóbal Colón

Por outra banda, o Concello informou hoxe que investirá máis de 148.000 euros na renovación de servizos da rúa Cristóbal Colón no mesmo centro de Ribeira, cunhas obras nas que se van separar fecais e pluviais e montar unha nova rede de auga. Co novo trazado do saneamento contan con aliviar o cruce de Rosalía de Castro coa Rúa de Galicia, no que se adoitan producir asulagamentos pola grande carga de auga que este punto soporta cando chove.

Actualmente esta rúa, que constitúe unha zona de importante actividade comercial e tránsito da cidade, carece de rede separativa de alcantarillado, discorrendo os residuos fecais e pluviais por unha única tubaxe que ademais está bastante deteriorada. Por outra parte, as tubaxes de abastecemento de auga son de fibrocemento. 

Co obxectivo de renovar estes servizos, o proxecto técnico elavorado pos Servizos Municipais comprende a instalación dunha nova rede de abastecemento de auga que disporá dunha tubaxe de fundición dúctil de 150 milímetros de diámetro ao longo da rúa Cristóbal Colón e se instalará ademais un tramo de tubaxe de polietileno de alta densidade de 90 milímetros de diámetro deste esta rúa ata o seu encontro coa rúa Payo Gómez. 

En segundo lugar, separaranse o saneamento de fecais do de pluviais, de tal xeito que no primeiro caso instalarase un colector de PVC liso de 400 milímetros de diámetro polo centro da rúa e dende o punto máis alto da traza se conducirán as augas por gravidade ata entroncar coa rede existente na rúa de Galicia.  

E no que respecto ao segundo apartado, disporase un colector de PVC corrugado de 400 milímetros de diámetro que traballará do mesmo xeito que o de fecais, conducindo as augas ata conectar coa rede na rúa Diego Delicado. Ao separar as augas pluviais e derivalas pola rúa Diego Delicado en vez de conducilas ata a de Galicia como ocorre na actualidade se eliminará gran parte da carga de auga que chega ata o cruce entre a rúa de Galicia e Rosalía de Castro, punto este no que se producen inundacións con certa frecuencia. 

Pavimentación

A rúa Cristóbal Colón tamén será obxecto dunha nova pavimentación, que no carril central para a circulación de vehículos estará formado por unha mestura bituminosa de 16 centímetros de espesor e nas beirarrúas por lusas de granito abuxardado semellantes ás das rúas colindantes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical