17.11.11

Muros-Noia: Bng e Psoe cargan contra a Xunta por permitir as gaiolas de salmón

  • Os nacionalistas levan a polémica a Europa, cunha pregunta que debe respostar a Comisión Europea
  • Os socialistas acusan á Consellería de Mar e á de Medio Ambiente de desleixo, por non ter postos controis sobre o impacto da mortandade detectada nos dispositivos e confiar tan só no informe interesado da empresa galego-norueguesa

Muros-Noia, 17 de novembro de 2011. O BNG vén de presentar no Parlamento Europeo unha pregunta para ser contestada pola Comisión Europea sobre o problema das gaiolas de salmón instaladas na ría de Muros e Noia pola empresa North West Food, coa autorización e beneplácito do goberno da Xunta de Galicia. 

Na rolda de prensa celebrada en Noia o pasado mércores 16 de Novembro, o responsábel comarcal do BNG, Manuel González, cun cartel ben grande detrás que nos indica o carácter electoralista destas reivindicacións, sinalou que "non ten razón de ser a decisión do goberno Feijóo de autorizar o cultivo dunha especie allea ao ecosistema da Ría de Muros e Noia sen coñecer as súas consecuencias". Lembrou que a ría non é un ermo produtivo senón que é a “principal empresa da comarca e que dá emprego a centos de persoas”.

Pola súa banda, María Xosé Alfonso, portavoz do BNG de Muros, indicou que a instalación das gaiolas –que segundo os plans poderían ascender a 20 unidades- está a crear grande preocupación no sector pesqueiro, marisqueiro e bateeiro. Ademais a Xunta comprometérase a facer seguimento deste proxecto e sen embargo polo momento non existe información algunha ao respecto. 

Finalmente, Ana Miranda –que ocupará a acta de Eurodeputada polo BNG a partir do 1 de Xaneiro de 2012- indicou que este tipo de acuicultura vai na liña contraria ao que propón a Unión Europea para o sector pesqueiro en Europa, onde a aposta se centra na explotación sustentable dos recursos e no coidado dos ecosistemas. Por outra banda, indicou que a pregunta servirá para instar a Comisión Europea a investigar se dende a Xunta se dedicaron fondos comunitarios para apoiar este proxecto da empresa North West Food. 

Os responsábeis do BNG indicaron que a pregunta parlamentaria será seguida por unha interpelación na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo que permitirá a representantes do sector desprazarse a Bruxelas para manifestar a súa opinión e os seus puntos de vista a cerca deste proxecto. Para iso o BNG manterá nas vindeiras semanas reunións con ditos representantes. 

Posición do Psoe

Xa dende Santiago, a portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, denunciou hoxe o “desleixo” da Xunta diante da instalación das gaiolas de cría e engorde de salmón en Muros. Soneira preguntou ao Goberno galego na Comisión de Pesca pola falla absoluta de medidas diante das denuncias da aparición de mais de 500 salmóns mortos aboiados por toda a ría. 

Soneira criticou a falla de controis por parte do goberno galego e a “absoluta neglixencia” das consellerías de Pesca e Medio Ambiente sobre esta situación e o impacto dos restos de peixes na ría. Denunciou que a Xunta só teña presentado un informe “de parte” elaborado pola empresa denunciada, quen “para defenderse apunta uns argumentos aos que a Xunta da carácter de oficiais ao presentalos no Parlamento”. 

A responsable socialista sinalou que o carácter de experimental do proxecto obriga a facer un estrito seguemento e vixiancia da súa evolución “e non só fiarnos do que nos conta a empresa”. Acusou ao goberno galego de “utilizar o Parlamento como altofalante dunha empresa privada” evidenciando que “o único que fixeron foi pedirlle un papel, pero non realizaron ningunha inspección nin tomaron ningunha outra medida”. 

Engadiu que precisamente a aparición de restos de peixes desbota o argumento da Xunta, quen xustificou a localización das gaiolas nesta zona polas fortes correntes que eliminarían os restos. Reclamou ao goberno galego que analice as causas da mortandade dos exemplares, que “poderían poñer en cuestión a idoneidade da localización dos peixes na ría de Muros e Noia polas condicións climáticas".
 
Antes, en Certo:

Salmón morto para granxas de visóns de Rois


Pb161428

Assunto.docx Download this file

56 POC salmóns mortos ria de noia e muros 051011 SONIA 71715-asinado.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical