- Ruiz Rivas reuniuse cunha representación veciñal deste lugar de Oleiros e comprometeuse a interceder ante a Xunta
Riveira, 17 de novembro de 2011.- O alcalde de Ribeira Manuel Ruiz Rivas reuniuse esta mañá cunha representación da veciñanza de Salmón, poboación situada na parroquia de Oleiros, que solicitaran unha audiencia co rexedor a fin de facerlles partícipe da súa preocupación en relación á estrada autonómica AC-550 ao seu paso polo devandito lugar, así como para solicitar a intercesión de Ruiz Rivas coa Xunta de Galicia para que se implanten medidas dirixidas a erradicar a perigosidade no tramo en cuestión, comprendido entre os puntos quilométricos 102 e 107.
Dúas das suxestións veciñais plantexadas ao alcalde foron a redución da velocidade e a construción de beirarrúas na marxe esquerda da estrada (segundo se vai cara Porto do Son). A este último respecto, Ruiz Rivas comprometeuse cos asistentes á redacción por técnicos municipais dun proxecto de construción destas beirarrúas e a xestionar a súa execución por parte da Xunta.
Así mesmo, no transcurso da reunión Manuel Ruiz informoulles de que xa cursou diversos escritos dirixidos a autoridades da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como á Delegación de Territorial de A Coruña, manifestándolles a preocupación existente entre a cidadanía e instándolles a que apliquen con carácter urxente as medidas pertinentes para reforzar a seguridade viaria.
Entre as medidas suxeridas por Ruiz Rivas á Administración Autonómica figuran a posibilidade de instalar unha pasarela peonil elevada, a construción dun carril de desaceleración na marxe dereita para facilitar o desvío cara a estrada que se dirixe ao hospital, a construción dunha rotonda diante da gasolineira ou o establecemento de máis tramos en liña continua e de controis de velocidade, así como a redución da mesma.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario