A Pobra, 23 de novembro de 2011. Pere Tobaruela, escritor e xeógrafo de orixe catalán afincado desde hai uns anos nas terras galegas de Rois, achégase novamente ó público pobrense para presentar outro título da súa creación: “Poñente”, editado por Edicións Xerais neste ano 2011.
Nesta nova obra Tobaruela lévanos a vivir dous momentos distintos da nosa historia recente que se atopan no tempo a través de dúas personaxes tan diferentes como Carme e Josep. Carme é unha profesora dos tempos actuais que, animada por Sarela, decide iniciar unha investigación sobre os industriais cataláns que no século XIX se achegaron ás costas galegas e deron comezo ó asentamento das industrias de salgadura que hoxe en día son tan importantes para a economía de Galicia. Por outra banda, Josep é un daqueles pioneiros cataláns que emigraron cara as terras galegas e colaboraron co crecemento deste xeito de economía na beiramar galega.
A presentación desta novela terá lugar o vindeiro venres día 25 de novembro ás 20:00 horas no auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario