- Custará facelo máis de 750.000 euros
Noia, 30 de xaneiro de 2012 (Día Escolar da Paz, cabodano da morte de Gandhi). Na reunión semanal da Xunta de Goberno Local de mañá martes, o órgano municipal concederá licenza urbanística para a construción dun novo tanatorio que irá ubicado no lugar de A Rasa de Abaixo. O novo equipamento está promovido por profesionais noieses do sector e ten un orzamento de execución de material que ascende aos 753.593,59 euros.
O edificio consta de tres plantas: soto, planta baixa e primeiro andar. Na planta baixa o tanatorio pretende dar uso simultáneo ás cinco salas de velorio coa súa correspondente cámara de exposición de cadáveres. No primeiro andar deseñáronse dúas salas para a celebración, tanto de actos relixiosos como civís, así como un espazo destinado a área administrativa.
A planta soto estará dividida nunha zona de garaxe, a sala de tanatopraxia, un almacén de féretros e vestiarios para o persoal de servizo. O programa de distribución do tanatorio diferencia claramente dous percorridos ou espazos de funcionamento diferenciado: o do difunto coa súa preparación con persoal especializado, situado na planta soto e parte traseira da planta baixa e a do público en xeral que en ningún momento interrelacionan nin entran en contacto visual salvo nas cámaras de exposición. O inmoble contará con dous vestíbulos cunha superficie total de 175 metros cadrados.
O aparcamento ocupa o resto da parcela cunha capacidade de 35 vehículos, incluíndo prazas adaptadas a minusválidos e prazas para autobuses.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario