17.1.12

Ribeira: pedirán fondos europeos para dinamizar o parque de San Roque e o miradoiro da Pedra da Rá

  • Trátase de poñer en marcha un corredor verde entre Cubeliños e San Roque, unha ruta de sendeirismo ao miradoiro da Pedra da Rá e un parque de aventura ecosaudable en San Roque
  • O proxecto, denominado "Ribeira, entornos saudables" foi orzamentado en 271.000 euros
Media_httpfarm5static_iidia

Ribeira, 17 de xaneiro de 2012- A voceira do Equipo de Goberno de Ribeira, Herminia Pouso Maneiro, deu conta unha vez máis dos principais asuntos debatidos na reunión que o Executivo local mantén todos os martes, entre os que houbo destacar o visto bo dado polos munícipes á solicitude de fondos Leader para a execución dun proxecto complementario do programa Ribeira Atlántica que, baixo a denominación de “Ribeira, Entornos Saudables”, pretende dinamizar económica e turisticamente dous dos entornos con maior valor natural do concello: o  miradoiro da Pedra da Rá e o Parque de San Roque. 

Media_httpfarm5static_iuizj

A actuación está presupostada en 271.000 euros (contía que podería ser subvencionada ata nun 100% polos citados fondos europeos) e afecta aos núcleos de poboación de Frións e A Granxa (na parroquia de Carreira) e Cubeliño, en Riveira. 

O proxecto comprende tres actuacións específicas: 

  • A creación dun Corredor Urbano Verde de 1,2 quilómetros seguindo o curso do río Pedrín que enlaza os núcleos de Coveliño e Frións co parque periurbano, recuperando o leito fluvial, promocionando o turismo verde e servindo de segunda vía de acceso a San Roque dende a cidade.
  • O establecemento dunha Ruta de Sendeirismo dende o parque cara o Miradoiro da Pedra da Rá aproveitando a rede de camiños histórica existentes nesta área e que dará acceso a unha das mellores vistas panorámicas do concello.
 
Media_httpfarm5static_ifedw

  • E a creación en San Roque (máis concretamente no entorno do lavadoiro do río Pedrín) dun Parque de Aventura Ecosaudable, con instalación de elementos de ocio e aventura integrados co entorno.

Xunto a estas actuacións integrais, o proxecto culminarase cun plan de mellora sinalética e con iniciativas complementarias dirixidas a difundir os valores naturais e patrimoniais do entorno, tales como a edición de audioguías, folletos, mapas e un certame de fotografía. 

Secretaría do Concello

Outra das actuacións anunciadas por Pouso Maneiro foi a reorganización da área de Secretaría do Concello, que actualmente está “baixo mínimos” ao ter catro funcionarios en situación de incapacidade temporal, ao tempo que o posto de secretario xeral está sendo desempeñado provisionalmente por unha persoa que tamén ostenta a función de asesoramento urbanístico.  

Así e logo, o Equipo de Goberno acordou estudar o xeito de reorganizar o máis eficientemente esta área, para o cal non se descarta trasladar a algún membro do persoal que está desenvolvendo outras funcións fóra da Casa Consistorial. En todo caso, as necesidades específicas de pór en marcha o programa de Ribeira Atlántica farán que unha persoa se ocupe a tempo completo deste expediente máis outra persoa de apoio. 

Noutro orde de cousas, no que respecto á solicitude de accións formativas que están dirixidas ás persoas desempregadas do municipio, decidiuse solicitar á Xunta a celebración de cursos de instalación e mantemento de xardíns en zonas verdes, de atención sociosanitaria a persoas no domicilio e de operacións básicas de restaurante e bar. “Esperamos que así os nosos desempregados adquiran maiores capacidades e lles sexa máis fácil reincorporarse ao mundo laboral”, declarou a edil. 

Paneis informativos

Por último, Hermina Pouso anunciou que o Concello xa dispón dos paneis informativos que se implantarán en cada unha das parroquias. Unicamente se está a expensas de comunicar aos outros grupos municipais os lugares concretos nos que se pretende situar estes elementos antes de proceder á súa instalación.

Antes, en Certo:


Fondos Europeos: cinco millóns para 11 actuaciones


Riveira Atlántica 2015: adxudicada asistencia técnica a Idom

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical