- Iniciativa da "comisión para unha movida san e contra o vandalismo" (sic), disque servirá para saber as medidas "disuasorias ou punitivas" a adoptar
Ribeira, 17 de xaneiro de 2012.- O Salón de Sesións do Consistorio ribeirense deu cabida este mediodía á reunión constitutiva da Comisión para unha Movida San e contra o Vandalismo, coa que se pretende analizar o estado de situación do ocio nocturno na cidade e acometer todas aquelas medidas orientadas a promover hábitos saudables e prácticas respectuosas co mobiliario público no conxunto da mocidade.
Nesta primeira xuntanza déronse cita representantes das diferentes áreas afectadas do Equipo de Goberno Local (concelleiros de Servizos Sociais, Atención Cidadá, Xuventude, Educación e Comercio, ademais do alcalde), forzas de orde público (policías nacional e local), axentes de carácter asistencial (Asociación Renacer, UAD e Departamento de Servizos Sociais) e sector hostaleiro.
Influencia do alcohol
Os alí reunidos tomaron a decisión de realizar en primeiro unha minuciosa recollida de datos para coñecer con exactitude cal é a situación da movida en Ribeira e a evolución rexistrada nos últimos anos, especialmente no que atinxe a altercados nos que o consumo de bebidas alcohólicas fose un factor determinante. A tal efecto, os corpos de policía nacional e local recollerán os datos pertinentes en canto a denuncias rexistradas nos tres últimos anos sobre este tenor, mentres que os técnicos da UAD encargaranse da captación de información no centro de saúde e no Hospital da Barbanza.
Ademais, os membros da Comisión coincidiron e que escoitar a opinión dos propios mozos debe ser prioritaria. A este respecto, a Asociación Renacer encargarase de confeccionar unhas enquisas aos alumnos de ESO de todos os centros educativos do municipio.
A Comisión emprazouse a unha nova reunión na que, con todos estes datos na man, se concreten as medidas de carácter tanto preventivo e informativo como (se se considerase necesario á luz da información recollida) de carácter disuasorio e punitivo que se van adoptar.
Ribeira: pedirán fondos europeos para dinamizar o parque de San Roque e o miradoiro da Pedra da Rá post.ly/4sQdU
— Certo (@Certo) January 17, 2012
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario