18.2.12

Política: Converxencia XXI, tamén decepcionada ante a recente reforma laboral

Media_httpfarm3static_fqiae

Barbanza, 18 de febreiro de 2012. Converxencia XXI posicionouse en nota de prensa sobre a recente reforma laboral aprobada polo goberno do PP con axuda dos conservadores cataláns de CIU. Velaquí a nota íntegra:

"A situación do mercado laboral español é crítica. O alarmante aumento do desemprego e a elevada precariedade laboral -que se ceba especialmente entre os mais desfavorecidos e que está a levar xa a moitos á dolorosa decisión da emigración- son os seus penosos síntomas. Desde Converxencia XXI sempre temos solicitado unha actuación decidida por parte do goberno que permita poñer couto a esta sangría.

O goberno do Partido Popular obtivo recentemente nas urnas o respaldo dos electores para levar adiante unha acción de goberno que sente as bases da recuperación económica e que permita que todos os segmentos sociais se beneficien dunha prosperidade recobrada. Lamentabelmente, as decisións que ata o momento está a tomar o goberno dos Sr. Rajoy están defraudando a confianza que o electorado puxo no Partido Popular nas pasadas eleccións xerais. Primeiro foi unha traizoeira suba de impostos que castiga sobre todo as clases medias e agora chega unha insatisfactoria reforma laboral.

Desde Converxencia XXI consideramos a reforma laboral decepcionante por varios motivos:

1.      A reforma laboral non serve para reducir significativamente a dualidade do noso mercado de traballo, no que un terzo dos empregados está sometido á presión de pésimos contratos temporais e que, o que aínda é peor, carece de expectativas de estabilidade no emprego. Neste sentido a reforma non fai nada para reducir a panoplia contractual que padece o mercado laboral español. A reforma non só non reduce o actual abano de contratos, mais aínda introduce algún mais. Desde Converxencia XXI avogamos pola simplificación do menú de contratos e, en particular, pola introdución dun contrato indefinido único con custos de despido crecentes coa antigüidade como xeito de fomentar a contratación indefinida.

2.      Na actual reforma laboral obviase completamente a introdución do chamado sistema austríaco consistente na creación dun fondo de capitalización individual que acompaña ao traballador ao longo da súa vida. A introdución deste fondo estaba xa prevista na reforma laboral do 2010. Desde Converxencia XXI avogamos pola paulatina introdución deste fondo de capitalización como xeito de favorecer a mobilidade dos traballadores -e consecuentemente a afectación eficiente do factor traballo- e de evitar problemas de liquidez ás empresas que confronten necesidades de despedimento.

3.      A reforma laboral insiste na política, manifestamente fracasada, de subvencións á contratación introducindo unha serie de bonificacións fiscais para a contratación de certos grupos de traballadores. Ademais, segue a permitir o uso do FOGASA para subsidiar despedimentos. A política das subvencións conduce a ineficiencias, corrupción e agravios comparativos, ademais de supor un lastre para unhas finanzas públicas xa de por si deterioradas.

4.      A reforma laboral non inclúe un elemento chave que é un críbel plan de choque para fomentar a formación e reincorporación dos desempregados ao mercado laboral, mais aínda, a errada política de subvencións retrae recursos desta tarefa.  Debemos ter en conta que mais da metade dos desempregados españois apenas teñen estudos básicos e que só nunha mínima parte das colocacións intermedian os servizos públicos de emprego. Debemos ligar a protección por desemprego á reinserción laboral e á procura efectiva de traballo. Temos que mellorar a eficacia das políticas activas de emprego reorientándoas aos desempregados de longa duración e á xente nova con baixo nivel de estudos. Debemos fomentar a participación das axencias privadas na intermediación e formación laboral avaliando rigorosamente os seus resultados e  facendo depender a súa remuneración do seu suceso.

5.      A reforma presumibelmente non vai reducir os custos de transacción asociados ás mudanzas no emprego, que non benefician nin a empresarios nin a traballadores e que implican moi a miúdo pesados procedementos xudiciais e administrativos. Desde Converxencia XXI avogamos por unha simplificación da lexislación e dos procesos administrativos en materia laboral co fin de reducir custos laborais innecesarios e de reducir a incerteza nas relacións laborais, aspectos ambos que lastran a contratación indefinida.

En definitiva, esta non é a reforma laboral que os precarios e os desempregados agardaban e tanto necesitaban. Certamente, non todo é negativo na reforma. Realízase unha certa homologación dos custos de despedimento nos novos contratos cos países do noso entorno, o cal a medio prazo ha ter unha certa incidencia positiva na contratación e reducirá, aínda que insuficientemente, a temporalidade. Tamén se avanza na flexibilidade interna, na descentralización da negociación colectiva e na redución da ultraactividade, aspectos tan necesarios para que as empresas podan adaptarse a condicións cambiantes e así podan manter os empregos, evitando que o mercado de traballo español reaccione agudamente vía cantidades xerando un enorme stock de desempregados tan pronto como o ritmo de crecemento económico se desacelera. Porén, precarios e desempregados teñen aínda que manter a esperanza. Mais tal vez xa se lles estea esgotando".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical