Ribeira, 4 de febreiro de 2012.- A presentación do libro “Santa María del Cabo de Corrubedo (coto del mismo nombre)” congregou na noite de onte na Casa do Mar da parroquia a máis dun cento de veciños que non se quixeron perder un acto que contou coa presenza do autor da obra, Francisco Sánchez Fraga, co deputado provincial Santiago Freire, co alcalde, Manuel Ruiz Rivas, e co senador e ex-alcalde José Luis Torres Colomer.
Editado pola Deputación Provincial de A Coruña, o libro traza a través das súas 210 páxinas ilustradas con máis de 350 fotografías unha completa radiografía do cabo e o pobo de Corrubedo. Segundo manifestou Francisco Sánchez Fraga, esta publicación “es ante todo la expresión máxima de mi cariño por Corrubedo y del respeto por sus gentes, entre las que tengo familiares y amigos”. En especial, salientou a colaboración recibida de Fernando Vilariño, quen lle fixo partícipe das investigacións particulares que el levara a cabo, e do finado Francisco do Ranco, home que con 95 anos lle relatara numerosos detalles do modo de vida das xentes do pobo na época da súa xuventude.
Santiago Freire quixo felicitar a Francisco Sánchez por este gran traballo, mentres que Manuel Ruiz Rivas puxo de manifesto a grande importancia que teñen publicacións como esta para que non caia no esquecemento a longa historia de Corrubedo e do municipio riveirense en xeral. “É importantísimo recordar o que fixeron por nós os nosos antergos”, dixo.
Dende o ano 919
O autor, profesional na reserva do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Guardia Civil, relata a historia de Corrubedo dende o primeiro dato coñecido no ano 919, no que aparece como señorío dependente do mosteiro de San Paio de Compostela, e vaise demorando ao longo de 45.000 palabras en distintos aspectos ligados coa localidade, como as súas lendas, a vida e costumes dos habitantes do pobo (incidindo en cuestións diversas como as súas actividades cotiás, os seus alcumes, as súas casas ou as súas marcas de pesca), a beleza das súas paisaxes e os seus naufraxios.
Naufraxios
A este último respecto, Sánchez Fraga cataloga ata 150 incidentes marítimos graves nas súas costas, que causaron a perda de máis dun centenar de buques e centenares de mortos. Entre eles, o autor destacou onte os tráxicos naufraxios do Captain (afundido en 1870, 472 mortos e 18 sobreviventes), o Dom Pedro (afundido en 1895, 89 mortos e 39 sobreviventes, algúns deles rescatados por dornas de Corrubedo) e o Salier (afundido en 1896, 281 mortos, ningún sobrevivente).
Valentín Paz Andrade, homenaxeado este ano nas Letras Galegas
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario