Muros, 14 de marzo de 2012. Segundo explican hoxe en nota de prensa dende o Bng de Muros, "o escrito que presenta a alcaldesa socialista Caridad González ante o xulgado do contencioso-administrativo nº 3 dos da Coruña, por medio do asesor xurídico que contratou para o concello é unha mostra máis da nula credibilidade que merece".
Para os nacionalistas muradanos, "este escrito é a oposición á demanda que a nacionalista María Xosé Alfonso lle ten interposto á alcaldesa por ter sido expulsada do pleno celebrado o 7 de xullo de 2011 no que, grazas a esta expulsión, o grupo socialista tivo a maioría suficiente para aprobar as súas retribucións como equipo de goberno municipal. Non hai máis que ler este escrito e ler a acta do citado pleno para ver as claras contradicións nas que incurre a alcaldesa no seu afán de xustificar o inxustificable.Na acta dese pleno celebrado o 7 de xullo de 2011, acta aprobada posteriormente polo grupo socialista, pódese comprobar con só leela como a alcaldesa Caridad González expulsa á concelleira nacionalista María Xosé Alfonso durante o debate do 5º punto da orde do día, sen ningunha advertencia previa e estando a concelleira no uso do seu turno de palabra. Pois ben, por medio da oposición á demanda, Caridad González di ter expulsado á citada concelleira porque ésta non estaba no seu turno de intervención, porque a estaba insultando e ameazando a súa integridade física e que fora advertida dúas veces. Pero o curioso do tema é que ao mesmo tempo di que non comezara o pleno, algo totalmente contradictorio coa afirmación de que fora advertida dúas veces".
"Isto non é máis que outra proba da maneira de actuar da alcaldesa de Muros, para xustificar un claro abuso de poder expulsando a un membro da corporación para quedarse coa maioría suficiente e sacar adiante as súas retribucións agora míntelle descaradamente ao xulgado", aseguran os do Bng.
Case 3.000 euros ao mes por traballar dous días á semana
Os nacionalistas de Muros tamén cuestionan o soldo e a idoneidade do novo asesor xurídico: "Vemos tamén cal é o estilo do novo asesor xurídico contratado pola alcaldesa pola frioleira de case 3000 €/mes por acudir ao concello dous días á semana: pode estar contenta e tranquila a cidadanía de Muros con este “asesor”?", pregúntanse.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario