- A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e mais o presidente da Federación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, Javier Sánchez-Agustino, presentaron hoxe a publicación tras a xuntanza do Padroado Ordinario da fundación creada en 1965
- A publicación foi editada pola fundación e os 9.200 exemplares da guía distribuiranse entre os 22 concellos, institucións e organismos do eido turístico durante o período estival. Na bisbarra de Barbanza, pertencen a esta fundación Dodro, Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.
Meaño, 9 de marzo de 2012.- A Secretaría Xeral para o Turismo, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo colabora coa Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla no patrocinio da edición dunha publicación titulada Guía de Cruceiros Xacobeos no Camiño do Mar de Arousa e Ulla. No acto de presentación, que tivo lugar tras a reunión do Padroado Ordinario da fundación, que itinera por cada un dos 22 concellos que a forman, estiveron presentes, ademais dos alcaldes dos concellos representados, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e mais o presidente da Fundación Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, Javier Sánchez-Agustino. A publicación, da que se editaron 9.200 exemplares, recompila localizacións, información detallada, mapas e rutas, así como acontecementos históricos e fai un repaso polos cruceiros que conforman o único vía crucis marítimo-fluvial do mundo. Os cruceiros da Ruta Xacobea foron esculpidos inicialmente por Alfonso Sanmartín Abelleira nunha iniciativa promovida polo fundador da entidade, José Luís Sánchez-Agustino. Posteriormente, a Mancomunidade de municipios de Arousa Norte promoveu a colocación doutros catro exemplares realizados polo escultor de Porto do Son Cabeza Quiles. Os concellos que forman parte desta fundación son: Boiro, Brión, Cambados, Catoira, Dodro, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, O Grove, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Ribadumia, Rois, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Dende 1965, pode percorrerse por mar esta ruta que conmemora a chegada a Galicia por mar do corpo do Apóstolo Santiago O Maior, logo de seu martirio en Xerusalén no ano 44. Anualmente, a fundación organiza a conmemoración da Traslatio a través da Ría de Arousa. A guía dos cruceiros xacobeos desta ruta estará dispoñible nos organismos e entidades turísticas dos 22 concellos que forman parte da fundación, así como noutras dependencias turísticas de ámbito local, autonómico e incluso europeo. Unha Fundación un tanto ignoranteA Fundación Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla foi a que tivo a idea durante o pasado ano Xacobeo, 2010, de organizar, xunto con Portos de Galicia, ente entón presidido polo polémico Álvarez-Campana, un programa chamado "Portos Xacobeos". Nel meteron a concellos que aínda están a agardar peregrinos nos seus peiraos, como Ribeira, e esquecéronse -ou ignoraron adrede- do chamado Porto de Compostela, Noia. En Certo publicamos a información o 3 de marzo de 2010 reprochando o esquecemento. Tardaron tempo en quererse decatar, logo da presión mesmo dos comerciantes noieses, que fixeron incluso unha marcha a Compostela co lema "Portus Apostoli". Como viñan as eleccións, deron o brazo a torcer e o 12 de xuño de 2010 recoñeceron Noia como Porto Xacobeo. Total, para nada: non fixeron un só acto nin puxeron o monolito que distinguiría cada un destes portos. Queremos crer, na nosa inocencia, que non foi porque Noia non estaba gobernada polo PP, senón porque Javier Sánchez-Agustino precisa unhas leccións de historia. Polo menos xacobea.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario