9.3.12

Ribeira: danlle os premios "Concello de Ribeira" ao dramaturgo Quico Cadaval, ao arquitecto inglés David Chipperfiel e á Cruz Bermella

  • Nas categorías Traballo Ben Feito, Cultura e Traballo Desinteresado, na XIV Edición destes premios
 

Ribeira, 9 de marzo de 2012.- Os próximos galardoados nos Premios Concello de Ribeira serán, na categoría de Traballo Desinteresado, Cruz Bermella; en Cultura, o dramaturgo indíxena Quico Cadaval; e en Traballo Ben Feito, ao arquitecto británico David Chipperfield. Así o desvelou este mediodía o alcalde Manuel Ruiz nun acto que contou coa participación da presidente da Asociación das Amas de Casa, Magdalena Bringas.

Ruiz Rivas trazou un breve resumo da traxectoria destas distincións, que xa vai pola décimo cuarta edición e comezaron como Premios Onza de Oro da man de Román Padín Montenegro, coa colaboración da Asociación de Amas de Casa, e que retomou logo o Concello proseguindo a implicación da institución que preside Bringas Miralles.

Entre os insignes persoeiros que foron agasallados con este galardón, figuran o que fora cronista oficial de Ribeira Carlos García Bayón, Gonzalo Torrente Ballester, Emilio Rodríguez López Erolo, Alfredo Conde, Fernando Ónega, Francisco Lorenzo Mariño, o propio Román Padín ou o presidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa-Faro. Ademais foron distinguidas entidades como a Cidade dos Muchachos, o Proxecto Home, Protección Civil de Ribeira, o Programa de RTVE Saber Vivir, a Asociación Aige para a igualdade de xénero, Cáritas Ribeira ou a Asociación da Loita contra o Cancro.

Ruiz Rivas resaltou a dimensión internacional do tres premiados, mentres que Magdalena Bringas expresou o seu orgullo de que o Concello “recollese a testemuña” e decidise reimpulsar estes premios, que nas súas últimas convocatorias están simbolizados nunha creación obra do escultor Miguel Couto.

Cruz Bermella

Respecto ao Traballo Desinteresado, o alcalde manifestou a importancia dunha organización na que “multitude de xente ofrece o seu esforzo e o seu tempo sen esperar nada a cambio”. Cruz Bermella en Ribeira está presidida por Ángeles Cores Amigo (coñecida como a Nena) e nas súas orixes  o seu labor no municipio estivo enfocado enfocado principalmente á atender ás incidencias no mar. A principios deste século diversificou as súas accións, promovendo ademais outro tipo de actividades en terra dirixidas a axudar a algúns dos colectivos máis febles na sociedade, como persoas en risco de exclusión social, inmigrantes, maiores,  discapacitados, nenos e mulleres.

Actualmente conta con máis de 1.000 socios en Ribeira e o seu corpo de voluntarios está composto de 18 persoas que prestan a súa colaboración en actividades mariñas (principalmente accións de rescate) e outra vintena de membros que actúan en terra. Juan Pérez e Manuel Cartea foron outros dirixentes da institución.

Quico Cadaval


Entrevistamos a Cadaval hai tempo. Poden ler a entrevista aquí

Nado en Ribeira en 1960, é un artista con innumerables facetas: actor, director, adaptador teatral, contacontos, guionista... Tal e como lembrou o alcalde, principiou a súa vocación na taberna familiar de A Carreirana. A finais dos setenta comezou no mundo da interpretación no Centro Dramático Galego, e xa nos oitenta fundou a súa propia compañía: "O Moucho Clerc". Traballou en diferentes producións da TVG, así como en curtametraxes e longametraxes, e recibiu diferentes premios polo seu traballo no teatro. Foi profesor de interpretación da Operación Triunfo portuguesa no ano 2003.

En 2011 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas que outorga a Xunta de Galicia.

Entre os seus innumerables traballos figuran: Matías, juez de línea (actor), Cabeza de boi (actor), Amor Serrano (actor), Apaga a luz (guionista), A rosa de pedra (actor), Entre bateas (actor), A miña sogra e mais eu (dirección), Máxima audiencia (actor), As dunas (director), Shakespeare para ignorantes (dirección e interpretación), Un cranio furado (director) ou A ópera dos tres reás, que vén de ser nominada a 8 premios no certame de teatro "María Casares" (director).

David Chipperfield

Sir David Chipperfield é un arquitecto británico nacido en Londres en 1953. Estudou arquitectura na Architectural Association School of Architecture de Londres. Entre 1974 e 1984 traballou con arquitectos da talla de Douglas Stephen, Richard Rogers e Norman Foster. En 1984 estableceu o seu propio estudo, que conta con oficinas en Londres, Berlín, Milán e Shanghai.

Ruiz Rivas lembrou os “entrañables lazos” que unen a este arquitecto británico con Ribeira, quen conta cunha residencia en Corrubedo que ten atraído a “algúns dos máis importantes persoeiros no mundo da arquitectura ou da fotografía”. Ademais expresou a súa satisfacción por que unha persoa que ten as máis altas distincións de gobernos como o británico e o alemán aceptase recibir este premio.

Ten gañado multitude de premios e distincións. Entre os mesmos: a Medalla de Ouro Heinrich Tessenow en 1999; foi nomeado Comendador da Orde do Imperio Británico en 2004; recibiu o Premio Stirling de Alemaña polo Museo  de Literatura Moderna de Marbachou en 2007; en 2009 foi premiado coa Orde do Mérito da República de Alemaña; en 2010 recibiu o Wolf Prize de Israel; en 2011 recibiu a Medalla de Ouro Real do Instituto Real de Arquitectos Británicos; tamén en 2011 recibiu o Premio Mies Van der Rohe pola restauración do Neues Museum de Berlín. E, neste mesmo ano, foi escollido como director da prestixiosa Bienal de Arquitectura de Venecia.

Entre as súas obras máis relevantes figuran a Cidade da Xustiza de Barcelona, o Pavillón de Visitantes de Valencia con motivo da Copa América de Vela ou Museo de Arte de Davenport (Iowa, EEUU) ou a ampliación do Cemiterio de San Michele en Venecia.

Relacionada:
Opinión: "Diséñenoslo, Mr. Chipperfiel", por Gonzalo Sarasquete




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical