11.6.12

Ribeira: o peirao da cidade acollerá o remonte da Traslatio o 7 de xullo

 

  • É unha tradición relixiosa para conmemorar o traslado dos restos do Apóstolo Santiago por mar a Galicia dende Palestina

 http://farm8.staticflickr.com/7221/7361639274_c8c7999764_z.jpg

Ribeira, 11 de xuño de 2012.- Ribeira vai ser o vindeiro 7 de xullo o punto de partida do tradicional remonte anual da ría de Arousa e o río Ulla promovido pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla para conmemorar a traslatio dos restos do Apóstolo Santiago no século I. Para falar deste acontecemento, que cumpre a súa XXVIII edición, déronse cita na Casa Consistorial o pasado venres o presidente desta entidade, Javier Sánchez-Agustino Mariño, o tesoureiro Masito Beiro, e o alcalde Manuel Ruiz Rivas.

Sánchez-Agustino recordou que a institución que preside ten como obxectivos a posta en valor dos eidos turístico, económico e cultural no ámbito da ría de Arousa e o río Ulla e, moi en especial, a promoción do camiño que lle da nome e que está recoñecido pola Lei de Protección dos Camiños de Santiago de 1996. Precisamente foi Sánchez-Agustino o que puxo en 2010 en marcha o proxecto "Portos Xacobeos" e meteu a Ribeira e A Pobra, que nada teñen que ver con esta tradición, e esquecéuselle introducir Noia, porto de Compostela e paso de peregrinos dende o século XI.

Guía de cruceiros

Sánchez-Agustino tamén explicou que o padroado da Fundación, formado por 22 Concellos, propuxo que este ano a saída do remonte fose Ribeira e avanzou que as persoas que tomen parte na singladura e por extensión todas as que fagan a ruta poderán acceder a unha nova publicación: a “Guía de cruceiros xacobeos no camiño do mar de Arousa e Ulla “. A este respecto, o presidente da fundación indicou que aquí está enclavado o único vía crucis marítimo-fluvial, con 17 cruceiros instalados en 1965 e ampliados con outros 4 en 2004 por obra da Mancomunidade Arousa Norte. Ademais, o Mancomunidade do Salnés colocará outros 4 ou 5 máis proximamente.

Manuel Ruiz quixo agradecer a designación de Ribeira como punto e eloxiou á familia Sánchez-Agustino por todo o que leva traballado para poñer en valor o que significa esta ruta xacobea, á que considerou “algo máis que un camiño”: “se por aquí non pasara o cadaleito e a nave que levaba ao Apóstolo, todo o fenómeno xacobeo non existiría”, sentenciou.

O rexedor local salientou a importancia da ruta non só na vertente turística senón tamén pola cantidade de crentes que, chegados de todas as partes de Europa e do mundo, “ven os camiños xacobeos como puntos nos que un encontra moitas respostas que na vida cotiá non son capaces de ver”.

Así mesmo, informou de que ademais do catamarán da Fundación (de 125 prazas) haberá un segundo catamarán con capacidade para 90 persoas posto a disposición polo Concello para entidades e colectivos. Ademais, Ruiz Rivas animou a todos os que así o desexen a despedir a singradura que partirá do Club Náutico ou a acompañar coas súas embarcacións o remonte ata alí onde poidan.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical