18.7.12

Ribeira: arranxarán e urbanizarán o camiño entre Outeiro e Carreiriña en cuestión dun par de meses

  • Supón un investimento de preto de cen mil euros nesta zona de Carreira
  • Vanse instalar pluviais, pavimentalo e iluminalo

Ribeira.- 18 de xullo de 2012.- O Concello vén de aprobar a adxudicación dunha obra valorada en preto de 100.000 euros co obxectivo de instalar unha nova rede de pluviais, ademais de actuacións de iluminación e pavimentación, no camiño que une os lugares de Outeiro e Carreiriña, situados na parroquia de Carreira. A empresa Nemesio Ordóñez, S.A., resultou a adxudicataria da acción por un importe de 95.299 euros. O prazo de execución é de dous meses.

 

Actualmente, a zona presenta un estado deficiente, ao atoparse cuberta de vexetación e anegada, xa que non dispón de recollida de augas superficiais. Ademais, tampouco conta cun firme apropiado para o tránsito de vehículos e peóns.

 

Así e logo, o proxecto redacto polos técnicos do Concello inclúen en primeiro lugar a roza e limpeza da vía, retirando toda a vexetación existente da superficie e demolendo unha pequena soleira, feita de formigón, que se encontra á entrada dunha das fincas lindantes.

 

Pluviais

A seguir, vaise realizar a instalación duns canais para o drenaxe de augas pluviais e a construción de sumidoiros. Así, disporase un colector de PVC corrugado de 500 milímetros de diámetro polo centro do vial e instalaranse arquetas sumidoiro no centro da rúa cada 25 metros. Nos lugares onde o camiño se cruce con outras rúas disporanse pozos de rexistro, ao igual que nos cambios de alineación, cunha separación nunca superior a 35-40 metros.

 

En terceiro lugar, instalaranse puntos de luz de 6 metros de altura con brazo de 1,50 metros de lonxitude e luminaria de 150 watios. E por último, respecto á pavimentación, estenderase unha capa de formigón de 20 centímetros de espesor sobre unha base de zahorra artificial.

 

A actuación está adscrita ao Plan de Obras e Servizos (POS complementario 2011) da Deputación Provincial.

Relacionada:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical