- Durante o pregón da feira Artemar Ribeira
Ribeira, 17 de agosto de 2012.- A nova feira Artemar Ribeira xa está oficialmente inaugurada despois do pregón ofrecido pola xoven atleta ribeirense Ana Peleteiro Brión, campioa mundial júnior de triple salto, na praza do Concello.
Acompañada do alcalde Manuel Ruiz Rivas e de numerosas autoridades (entre as cales se atopaban Nava Castro como directora xeral de Comercio da Xunta e Santiago Freire, alcalde de Lousame, tamén do PP, en representación da Deputación), a triplista campioa do mundo júnior salientou a idoneidade de que Ribeira lle dedique uns días aos seus mariñeiros e pescadores, “homes e mulleres valentes e traballadoras que axudaron co seu traballo diario a levantar esta cidade”.
Así mesmo, expresou ante o numeroso público reunido o seu desexo de que esta feira cumpra os seus obxectivos “para o ben de Ribeira e da súa xente e de todas as persoas que nos visitan nas vacacións”.
Pola súa parte, o alcalde manifestou o orgullo que sinten os ribeirenses -e os galegos en xeral- cos logros acadados por Ana Peleteiro grazas particularmente ao seu esforzo e o da súa familia e adestradores. Ademais, definiu á moza atleta como a expresión dos valores que os rapaces e a xuventude teñen e explicou que con esta nova iniciativa do Concello tense a intención de amosar aos demais o que os ribeirenses son capaces de facer cos seus produtos.
O pregón rematou coa actuación da Coral Polifónica Municipal baixo a dirección de Enrique Paisal, ex compoñente dos míticos Los Tamara, e cunha degustación de produtos Frinsa.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario