7.11.12

Noia: o Concello márcase como obxectivo solventar os problemas de auga e saneamento en Labarta logo de cumprirse un ano sen crebas na traída xeral

 

  • A concelleira de Obras e Servizos, Marisa Lorenzo Blanco, realizou un balance moi positivo do funcionamento da nova traída xeral

Bergondo_obras

Noia, 7 de novembro de 2012. Hai un ano, a finais de outubro de 2011, rematouse a obra da nova canalización de auga dende a Estación de Tratamento de Auga Potable ao centro urbano de Noia, cun investimento de 350 mil euros. A  tubaxe foi en fundición todo o tramo desde a Estación de tratamento de Augas (en Vilarvello) ata a Ponte de San Lázaro.  Procedeuse a eliminar a vella canalización de fibrocemento, totalmente escachada e con perdas neste tramo que superaban o 40% do caudal. Esta actuación foi feita por administración polo Concello, coa conseguinte contratación de persoal para esta obra.

Segundo informou a concelleira, "desde que finalizou a obra, hai un ano, non houbo ningunha avaría nin corte no subministro xeral. Se ben aínda existen zonas na rede secundaria que padecen moitos cortes, especialmente na zona de Labarta, na canalización principal non se interrumpiu nin unha soa vez o subministro".
 

Cero avarías

Para Lorenzo Blanco a principal mellora está no indicador de crebas: "a media antes desta intervención superaba máis dunha rotura ao mes, deixando a toda a vila sen o subministro de auga potable. Neste último ano pasouse a cero avarías".

Outra das zonas da rede secundaria con máis problemas, Bergondo, está nestes momentos en obras, coa substitución de máis 1.944 metros canalización de auga en fibrocemento a PVC (ademais de obras de saneamento e melloras na estrada). Prevéndose a finalización das obras para o mes de xaneiro.

 

Bergondo_tubaxes

Ademais da eliminación total das roturas na rede principal, reducíronse notablemente as perdas, aumentando a presión na rede de subministro de auga municipal. E por outra banda o cambio de canalización, eliminou as filtracións evitando a entrada de lixo na rede. O principal incidente no último ano foi a turbidez no subministro municipal de auga producida no mes de outubro deste ano por mor dun vertido ilegal no río San Xusto, debido a un recheo no Concello de Lousame.

A concelleira de Obras e Servizos de Noia, Marisa Lorenzo, tamén sinala a mellora do subministro de auga na Zona Histórica desde que se instalou unha válvula redutora que reduciu a presión e evitou as constantes crebas na zona.

O obxectivo para o 2013 é solucionar definitivamente os problemas de auga e saneamento na zona de Labarta, rematou.

Onte, en Certo:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical