20.1.13

Ribeira: o Psoe critica a xestión económica do equipo de goberno polo "agasallo" a Frinsa Eólica

  • Bótalle en cara o retraso da gardería municipal e do polideportivo de Palmeira, por adxudicar as obras a empresas en problemas

Ribeira, 20 de xaneiro de 2013. Segundo explica o grupo socialista de Ribeira en nota de prensa, "a xestión pública dos cartos dos veciños de Ribeira que leva a cabo o Alcalde xunto co seu Grupo de Goberno, deixa moito, por non dicir todo, que desexar. Á nefasta xestión das obras da gardería municipal e do Polideportivo de Palmeira, respeto das cales as empresas adxudicatarias das obras atópanse en situación de concurso de acreedores, e en liquidación, temos que engadir o último agasallo que vén de facer o noso Concello, cos nosos cartos".

Segundo relata o Psoe ribeirense, "a finais do ano 2006 suscríbese un contrato de arrendamento polo que o Concello lle arrenda a unha empresa eólica -suponse que Frinsa Eólica-  un terreo de monte común, sito no Monte de San Alberte, por un importe anual de 18.442,08 € anuais, mais o seu ive correspondente. A renda vense pagando pola empresa arrendataria até o ano 2009, en que, polas razóns que fosen, deixa de facelo. Ou sexa: terreos gratis; malia que o Concello de Riveira, por imperativo legal, vén facendo o
ingreso do correspondente IVE cos cartos de todos, destes anos non abonados. Total, pagamos todos".

Os socialistas sinalan que "amparada no contrato que se suscribeu a finais do ano 2006, a empresa arrendataria solicita a finais de setembro do 2012 a resolución do arrendamento e o Pleno do Concello, coa soa oposición do Partido Socialista, aproba a liquidación que presenta o Interventor accidental e o Tesoureiro. Segundo os técnicos, a renda que non se pagou foi a correspondente aos anos 2009, 2010 e 2011, o que, co IVE engadido a cada ano, totaliza a suma de 64.916,11€. Debeulles parecer elevada a cantidade, e non só se esquecen da renda do ano 2012, senón que, motu proprio, acordan devolverlle á empresa arrendataria a cantidade de nada máis e nada menos 50.730,63 €, que se adecúa co cen por cen do ICIO pagado o 13 de Marzo do 2003, e o oitenta por cento da taxa por apertura de establecemento que tiña pagado o 26 de febreiro do 2003, ! Devólvenselle os cartos da apertura do negocio! E así como dos 64.916,11€ a ingresar; se lle pretenden “reter” unicamente 14.185,48 €. ¡Negocio redondo!, pero para a empresa. Pero coidamos que a débeda non son sesenta e cinco mil euros, senón que a esta cantidade haille que engadir a renda do ano 2012, co seu IVE ao 21%, e os intereses de demora. Tendo en conta ademais, que non procede descontar o ingreso feito no ano 2003, por ter transcurrido mais de catro anos que sinala a Lei para a prescricción dos mesmos. Pero claro, neste Concello, non todos somos iguais!", remata o PSOE as súas acusacións.

EÓLICA EXTINGUIDA

Segundo rezan os seus datos mercantís, a empresa á que se refiren os socialistas ribeirenses, FRINSA EOLICA SA, finalizou a súa actividade. Fora constituída en setembro de 1999 co obxectivo da "PRODUCiÓN DE ENERXÍA ELÉCTRICA. COMERCIALIZACIÓN DISTRIBUCIÓN E TRANSPORTE DA MESMA, TENENCIA E EXPLOTACIÓN DE INMOBLES, VALORES E ACCIÓNS". Foi a última en incorporarse a EGA (Asociación Eólica de Galicia), en 2007, e mantivo a súa actividade durante 14 anos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical