4.1.13

Ribeira: sete agrupacións musicais e nove carrozas protagonizarán a Cabalgata de Reis

  • O Concello tamén informa dos emparellamentos para o torneo de tenis de Nadal que disputa esta fin de semana as finais

Media_httpfarm2static_xrurd

Ribeira, 4 de xaneiro de 2013- Mañá sábado terá lugar na cidade de Santa Uxía a tradicional Cabalgata de Reis, que unha vez máis agarda ser un acontecemento multitudinario. No desfile participarán sete agrupacións musicais e de animación da rúa con preto de 200 compoñentes, nove carrozas e o Spresso de Oriente con dous vagóns. Tamén desfilarán un total de 250 nenos e nenas con idades de 5 a 12 anos vestidos de estrelas, mouras, pastores, galleta de xenxibre, paxes verdes, amarelos e vermellos, e paxes reais.

1.200 quilos de caramelos

Como persoal de apoio asistirán 70 persoas, entre o monitorado para o reparto de 1.200 quilos de caramelos, protección lateral das carrozas, Protección Civil, Policía Local e membros da organización, ademais dun servizo especial de ambulancia medicalizada que acompañará todo o percorrido.

Os Reis Magos chegarán por mar á cidade a bordo dunha embarcación da Confraría de Pescadores San Pedro de Ribeira (desembarcarán no pantalán da caseta de Portos). Ás 17.30 horas comezará a cabalgata dende o recheo do Malecón, se ben previamente (ás 17 horas) haberá un pequeno pasarrúas de todos os nenos e agrupacións dende o Auditorio.

Ás 19 horas aproximadamente a comitiva chegará ao Concello, onde as Súas Maxestades serán recibidas polo alcalde. O percorrido incuirá o Malecón, a praza da Concordia, a rúa de Galicia, Romero Ortiz, Malecón, Rosalía de Castro, Concello, 9 de Agosto, Rosalía de Castro e Concello.

Sorteo de agasallos

Melchor, Gaspar e Baltasar terán ocasión de felicitar as festas aos veciños dende o balcón da Casa Consistorial: un acto que servirá tamén para celebrar o sorteo dos tres superagasallos aos que poden optar os nenos e nenas coas rifas que repartiu o Carteiro Real durante as súas visitas polas distintas parroquias do municipio. Os tres superagasallos serán outros tantos monopatíns con casco e proteccións que os nenos: un regalo ideal para estrear a pista recentemente instalada nas inmediacións da praza do Centenario. 

Despois de dirixirse á  veciñanza dende o Consistorio, haberá un espectáculo pirotécnico de luz e son dende as pérgolas da praza e lanzaranse 24 cañóns de serpentinas.

Noutros concellos:

A Pobra: Sae do peirao ás 18.00 horas. Percorren rúa Principal e xiran visita ao belén da Praza

Rianxo: chegan a cabalo ao porto ás 18:30. Visitan belén vivinte e rematan na praza de Castelao, diante do Concello, con tirada de caramelos sen gluten.

Noia: sae ás seis da tarde e fai o percorrido habitual

Dodro: sae ás 17:00 do polideportivo, vai polas parroquias e volta ao Concello, onde haberá agasallos e tamén chocolate con churros

Boiro: Sae ás 17:30 de Lampón, chega ás 19:00 ao concello (caramelos) e volta a Escarabote, ao peirao, onde hai misa ás dez da noite

OS TROFEOS DE TENIS DE NADAL CHEGAN ÁS FINAIS O DOMINGO NO PAVILLÓN DE COROSO

Este domingo 6 de Xaneiro vanse celebrar no Polideportivo de Santa Uxía (en Coroso) as finais dos Trofeos de Tenis do Nadal, organizados polas Concellerías de Deportes e Xuventude, en colaboración co Club de Tenis Punta Salera e a ACD As Miñoteiras.

O horario previsto das finais e o seguinte:

  •  
    • 16:00 Final xunior
    • 17:00 Final individual trofeo Miñoteiras, que disputarán o padronés Bustelo e Aitor Muñiz, este último a grata sorpresa do campionato. Claro favoritismo de Bustelo, que encabeza invicto a clasificación da primeira división da liga de inverno, mentres que Aitor Muñiz e 4º clasificado en segunda división.
    • 18:00 Final dobres trofeo Mirador de Padín: será disputado polas parellas Bustelo/Javier Camino e Jorge Oujo/Gustavo, partido que se presume moi igualado, xa que pasan por ser as mellores parellas do Circuíto Miñoteiras.
    • 19:00 Final Master Zonal, que disputan os mellores tenistas federados da comarca.

As tres primeiras finais serán ao mellor de 9 xogos, sendo a final master zonal ao mellor de tres sets. A entrega de premios farase o remate deste partido.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical