14.2.10
13.2.10
Curiosidades: cinturón para botellón profesional
O que remata en abrecervexas tamén semella moi útil para estes mesteres... Cóidense! Non beban! (polo menos o noso)
Máis cintos para epatar: http://reflectionof.me/creative-belts
Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
Porto do Son: fallado o Concurso de Declaracións de Amor
O Concurso de Declaracións de Amor convocado polo Clube da Lingua e a Biblioteca xa ten gañadores, que recibiron cadanseu premio durante o festival de Entroido que se celebrou onte no instituto. Presentáronse máis de medio cento de declaracións nas modalidades de texto e de SMS e 2º e 3º da ESO foron os cursos máis activos e os maiores non se animaron nadiña. Quedou deserta a modalidade de Videodeclaracións. Vese que enfrontarse ás cámaras ten un aquel especial (cando menos a algúns porque a outros non tanto) aínda que a algunhas rapazas só lles faltou un pequeno empurrón.
Nos próximos días iremos publicando as mellores declaracións. Comezamos coas gañadoras:
1º PREMIO SMS:
Faim 1 favor nn volvas a chamar, nin mandes sms, borra o meu nº, de verdad o sinto, pro o meu dentista dixom que me alonxara das cousas tan doces coma ti
Kameán (Juan Rodríguez Brión, 2º A)
2º PREMIO TEXTO:
Amor de parvulario
Ódiote, ódiote tanto que non te quero ver.
Ódiote, ódiote tanto que che teño envexa.
Gústasme, gústasme tanto que te temo.
Séguesme gustando, e cada vez máis.
Quérote, quérote tanto, que o daría todo por ti.
O Dedos (Álvaro Fernández Carnota, 3º C)
1º PREMIO TEXTO:
Cando durmía
soñaba un mundo de fantasía,
no que ti me querías, no que eu te quería,
no que ti eras a luz do meu mundo negro,
no que ti eras as miñas ganas de seguir vivindo,
no que ti eras o meu consolo.
Pero cando espertei pensei que seguía soñando, e deime
conta –outra vez- de que ti nin sequera sabías que existía.
453 (José Vidal Ageitos, 2º B)
Parabéns aos premiados...
Aquí a xente do equipo quedou coa mosca detrás da orella co alcume "O dedos" (segundo premio). Cousas nosas!
Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
Dodro: o Entroido está xa en marcha con actividades dos maiores ata o martes 16, o día grande e contacontos o 17
Papada de Antroido celebrada en TraxeitoDodro, 13 de febreiro de 2010. A xente maior de Dodro, que participa nas Aulas de Educación Permanente, xa iniciou a celebración do Entroido. Durante toda a semana nos distintos grupos (Tallós, Traxeito, Bexo e Lestrobe) celebrouse esta festa tradicional compartindo os doces de elaboración propia típicos destas datas.
Doces típicos en Bexo O máis abundante foron as orellas e filloas. A concelleira de Servizos Sociais, Vitoria Rei Mariño, afirmou que "contribuimos así á recuperación e intercambio de receitas e a reforzar as redes veciñais. É un dos obxetivos que tamén cumpren estas actividades permanentes, ademais da estimulación da memoria. Este é o envellecemento activo que facemos en Dodro", e a concelleira móstrase "moi satisfeita de poder facelo posible e da participación da xente maior do concello, que todos os días nos sorprende coas súas aportacións e vitalidade".
Larpeiradas de antroido en Tallós
O mércores 17 de febreiro ás 15,30 horas, haberá a actuación do contacontos Celso Sanmartín no centro de día de Dodro. Esta actividade é aberta a toda a xente que queira participar, contribuíndo así a integrar as actividades do centro de día coas propias do concello, e achegar este recurso ó entorno. Deste xeito tamén queren facilitar as relacións das persoas usuarias do centro de día con outras coas que teñen pouco contacto e o coñecemento do funcionamento deste recurso. Aproveitando esta actividade e o aniversario da apertura de portas o Concello agradece o labor das profesionais que aquí traballan para facer esto posible, e o cariño e profesionalidade coa que atenden á xente maior desde fai un ano, apostando entre tod@s pola calidade dos recursos públicos no rural!

Entroido en Dodro: programa do martes 17
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
12.2.10
Faranji: no capítulo doce, etíopes parecidos aos galegos
E que se fan fotos de voda en lugares parecidos aos nosos (cada vez vense máis noivos preto de antas) e tamén xogan ao futbolín, que inventou Alexandre de Fisterra. A viaxe de Xurxo Ayán sempre depara sorpresas e comparanzas orixinais:
http://certo.es/index.php?page=gurange_coma_ti
Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia



















