18.8.10

Internet: a Xunta amplía os xeitos de consultar o Plan de Ordenación do Litoral a través da Rede

Os novos modos de consulta son o servizo de Web Map Service, a través da web do Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA), e os arquivos KMZ, que permiten unha visualización en 3D mediante a descarga a través do web do Plan

Barbanza-Noia, 18 de agosto de 2010.- A Xunta de Galicia pon a disposición pública dúas novas formas de ver a documentación gráfica do Plan de Ordenación do Litoral que se suman desde hoxe aos formatos PDF e Shapefile (SHP) xa existentes a través da web www.xunta.es/litoral. Estes novos modos de consulta son o servizo WMS (Web Map Service, que produce mapas de datos referenciados espacialmente) e os ficheiros descargables en formato KMZ de Google.

Estes dous xeitos de publicación da información permiten un maior abano de posibilidades para que os usuarios poidan consultar comodamente e con todo detalle toda a información do Plan de Ordenación do Litoral que se atopa (desde o 30 de xullo e ata que acabe setembro) na fase de exposición pública.

Como xa acontecera na fase anterior do documento, pódese acceder ao servizo WMS a través da web do Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA), http://sitga.xunta.es/sitganet/catalogo/inicio.html. Grazas a este servizo o usuario poderá conectarse ás distintas cartografías do Plan do Litoral mediante un sistema de información xeográfica no que ten a posibilidade de visualizar, activar e desactivar todas as capas que compoñen cada serie cartográfica.

A conexión a este servizo pódese facer tanto cun programa de información xeográfica de escritorio (existen numerosos programas deste tipo con licenza libre e gratuítos) ou ben vía web nun visualizador de mapas de infraestruturas de datos espaciais de distintos organismos.

No que atinxe aos ficheiros KMZ dispoñibles na páxina web do Plan de Ordenación do Litoral, hai que destacar que permiten a visualización da información en 3D a través de Google Earth, un programa gratuíto que se pode descargar de internet e se instala no equipo. A vantaxe deste recurso é que Google posibilita facer as buscas por nome de lugares e ver ao mesmo tempo imaxes de satélite e os datos das capas do Plan. Para abrilos, o único que hai que facer é descargalos da páxina web –www.xunta.es/litoral-, gardalos no propio equipo e soamente con facer dobre clic sobre a descarga abrirase o programa.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: a revista Dorna convirte en fotonovela imaxes de "Mar Libre", a película rodada na illa de Sálvora

Ribeira, 18 de agosto de 2010. No seu día informamos da rodaxe desta película nunha das illas do Parque das Illas Atlánticas, a de Sálvora, que pertence a Ribeira. Ao consultar o blog Ilha de Orjais, do músico e mestre José Luís do Pico Orjais, descubrimos a interesante reciclaxe destas imaxes nunha fotonovela na revista Dorna, que realiza a asociación cultural da Illa de Arousa co mesmo nome. Teñen que ollar a revista en pdf nesta ligazón.

Tamén paga a pena, por suposto, o artigo "O senhor Colao", de Orjais, no que aparecen imaxes de Castelao en Bealo (ou era Cespón, Neixón en concreto?) e se fala dun músico de Taragoña que emigrou para Arousa logo da Guerra Civil. E non se perdan o excelente artigo adicado aos muíños, a historia dos últimos telefonistas de Arousa, as colaboracións de Séchu Sende e a entrevista con Ramón Neto. Vamos, que van ter que lela toda!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Internet: Blogaliza acubilla Fillos.org para que non desapareza a maior comunidade on line da diáspora galega

Debido á carencia de recursos, a asociación Fillos de Galicia decidiu integrar a comunidade Fillos.org en Blogaliza, o servizo de blogs pioneiro en galego

Apartado de emigración no Museo do Pobo Galego

Barbanza-Noia, 18 de agosto de 2010. A empresa Algueirada, responsable do servizo de blogs en galego Blogaliza, asinou un convenio de colaboración coa asociación responsable da maior comunidade online da diáspora, Fillos.org, que conta xa con case sete mil usuarios rexistrados.

Grazas a este acordo evítase a desaparición deste proxecto histórico da Internet galega,
que naceu en 1997 como ponte entre Galiza e os galegos do exterior, nomeadamente fillos e netos de emigrados. A falta de recursos económicos, agravada tras a cambio de goberno na Xunta de Galicia, e a carencia de persoal técnico capaz de xestionar unha rede social en continua expansión levaran á asociación Fillos de Galicia a facer un chamamento tras outro para acharen quen continuase co proxecto.
Aínda que estes chamamentos fracasaron e algúns medios apresuráranse a anunciar a morte do proxecto, abriuse unha derradeira oportunidade da man da consultoría tecnolóxica Algueirada: o traballo de actualización do portal Fillos.org realizado cos últimos recursos da asociación, facilitou a compatibilidade técnica con Blogaliza, o coñecido servizo ofrecido por Algueirada.

Deste xeito faise posible a supervivencia do proxecto, que agora fará parte de Blogaliza, quedando outros coñecidos proxectos de Fillos de Galicia como Atopadoiro.org fóra do acordo e baixo a xestión directa da asociación, xa cun custo moito menor. Os responsables de ambas organizacións felicítanse polo acordo e agardan poder sentar
así as bases para novos proxectos a prol da cultura e a lingua galega no exterior.

Máis información:

http://blogaliza.org/
http://fillos.org/

En outubro de 2009 publicamos:
Fillos.org, sétimo centro galego no mundo


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Opinión: Bóveda relaciona turismo e lingua en Perspectiva cabaleira

"Supoño que bilingüismo (estou falando do bilingüismo serio, nin monolingüísmo eufemístico nin diglosia) o hai en tantas vilas e cidades como ten a Galicia pero non deixa de abraiar que nos establecementos deste lugar onde estou, e tras escoitar como falas galego coa túa compaña, che respondan nun castelán impostado destinado sen dúbida ás masas turísticas madrileñas (ou ren)".

Todo o artigo en http://certo.es/index.php?page=vecinos_invasores

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a asociación cultural Borobó nomea Presidenta de Honra a Carlota Paz Barreiro


Busto de Borobó na casa de cultura de Boiro

Boiro, 18 de agosto de 2010. A asociación cultural  Borobó,  de  Boiro, nomeará  esta  semana  a  Dona  Carlota  Paz Barreiro, viúva do xornalista   Raimundo García   “Borobó”, como Presidenta de Honra  da  entidade.   
 
O acto vaise celebrar o vindeiro domingo, día 22 de agosto, ás oito da tarde no Centro   Social deste municipio. Asistirán os familiares da homenaxeada e, asemade,  están  invitados  a  corporación  municipal  do  Concello ao completo,  o Presidente  da  ABE,  tódolos socios da  A.  C.  Borobó,  e o  historiador Xoán Guitián, entre  outros.
  
Por  outra    banda,  contarase  coa  presenza  do  cantante  e  compositor  Manu  Clavijo 
que  amenizará  o  acto  con  varias  pezas  a  violín, segundo informou Silvia García Mirón, secretaria da Asociación Cultural Borobó.


Manu Clavijo, arxentino-galego, ten blog en http://cantautorloserastu.blogspot.com

Quen era Borobó? No portal do Consello da Cultura Galega pódese consultar esta peza de Xabier Baltar, que aparece nun libro (Homenaxe a Borobó) que foi editado por un dos que van participar no acto deste domingo, o historiador Xoán Guitián.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

17.8.10

Ribeira: as festas da parroquia de Castiñeiras, este sábado 21 e domingo 22 de agosto

Cultura: Boiro acollerá a exposición itinerante "Rosalía Sempre Viva. Viva Rosalía!!!"

A exposición percorrerá dez concellos da provincia da Coruña
17/08/2010
A deputada responsable da área de Igualdade da Deputación da Coruña, Silvia Seixas, presentou onte, na sede da institución provincial, os contidos da exposición que conmemora o cento vinte e cinco falecemento da escritora Rosalía da Castro. No acto estivo acompañada polo comisario da Exposición, Diego Pardo Amado, e do representante da Fundación Manuel María, Alberte Ansede. 
Segundo a deputada provincial, Silvia Seixas, “esta exposición vén  conmemorar o cento vinte e cinco cabodano da morte da poeta máis intelixente, intuitiva e reflexiva do panorama literario galego”, unha verdadeira precursora en defender os dereitos das mulleres na súa época. Dende a Deputación provincial da Coruña preténdese divulgar a verdadeira dimensión expresiva da escritora compostelán, símbolo do seu tempo e tan viva nos actuais. 
Por outra banda o comisario da exposición, Diego Pardo,  definiu a Rosalía de Castro “como un referente na literatura universal”, e esta mostra supón coñecer a unha Rosalía “visionaria do futuro do noso idioma” e “da problemática das mulleres cos malos tratos”. 
O representante da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, recordou que o libro de cabeceira de Manuel María era Follas Novas, e que no seu leito de morte “na súa consciencia para morrer como outros piden a biblia o escritor pediu que lle trouxeran o poemario”.  
A exposición fai un percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra da literata e así nos mostra a unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal e que foi fundadora da literatura galega contemporánea.  
A mostra está conformada por vinte paneis compostos de elementos gráficos e textos que repasan os aspectos máis relevantes da vida e obra de Rosalía de Castro realizada cunha grande seriedade e rigor, que está acompañada de recursos audiovisuais que permite que o público interactúe cos seus distintos elementos. Igualmente será visitada por grupos de escolares unha vez que comece o curso académico para o que foi realizada unha guía didáctica.
Arteixo será o primeiro dos concellos onde se mostre a exposición itinerante que despois será levada a Boiro, Fisterra, Melide, Padrón, Carballo, As Pontes, Ferrol, Santiago e A Coruña a onde chegará na segunda quincena de decembro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: do 20 ao 22 de agosto, IV Feira Artesanal e Mariñeira

16.8.10

Boiro: suben a YouTube unha pelexa na que un mozo saca unha katana en plena movida nocturna

Nota de Certo: Vídeos subidos este domingo 15 de agosto que atopamos ao buscar imaxes dos incendios de Cures. As imaxes falan por si mesmas. Descoñecemos os aspectos legais do asunto, mais supoñemos que do mesmo xeito que a Garda Civil investiga os vídeos subidos a YouTube con carreiras de coches ilegais ou xente saltándose por moito os límites de velocidade, debería facer algo con isto. Doutro xeito, os que vexan estas historias van pensar que Boiro é o salvaxe oeste.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: medio cento de ciclistas inauguraron a segunda fase de roteiros cicloturísticos


Imaxe de grupo dos cincuenta afeccionados que percorreron a Ruta Circular

Boiro, 16 de agosto de 2010. Onte inaugurouse a 2ª fase das rutas cicloturísticas do Concello de Boiro. Escolleron para a inauguración a nomeada como Ruta Circular, que é unha das cinco que forman a rede de itinerarios cicloturísticos do Concello de Boiro. Como indica o seu nome, circular, ten inicio e fin na Praza de Galicia, pasando antes por 38.6 quilómetros, cun tempo estimado de percorrido de tres horas e media. Ao tratarse dunha ruta de cor negro (dificultade alta) convértese na máis apetecible para este tipo de ciclistas que onte a finalizaron. A ruta chega ata Chans do Barbanza e pasa por lugares como Ponte Goiáns, Cadarnoxo, Moimenta, Macenda, Belles de Arriba e A Boliña. Neste acto estiveron o Alcalde, Xosé Deira e a concelleira de Turismo, Francisca Suárez Lijó. A saída estivo organizada por Daniel Ríos, que xuntou a un grupo de 50 afeccionados.

A Rede de Rutas Cicloturísticas é pioneira na península do Barbanza, xa que non existen redes deste tipo nesta zona do territorio galego.

A rede de itinerarios foi executada pola empresa Aresta Ingeniería e financiada totalmente pola Deputación Provincial da Coruña. A Rede de Rutas Cicloturísticas de Boiro é un conxunto de redes cicloturísticas deseñadas segundo os criterios da Internacional Mountain Bike Association (IMBA) para ser percorridos en bicicleta de montaña co obxectivo de dar a coñecer as riquezas patrimoniais e paisaxísticas do Concello de Boiro en todas as súas parroquias, á vez que se practica deporte. Tamén poden ser percorridas a pé ou a cabalo. Coa devandita finalidade propónse un sistema de sinalización estandarizado para conseguir ordenar o cicloturismo mediante a citada rede de  camiños, que debidamente sinalizada, aúne os principios de seguridade, conservación e respecto da natureza polos usuarios da bicicleta de montaña e para todos os cidadáns que queiran achegarse a gozar dela.

En conxunto, a Rede de Rutas Cicloturísticas conta con máis de 100 km. balizados, case 3.000 metros de ascenso acumulado e unhas pendentes máximas do 30%, asegurando unhas 10 horas de cicloturismo e opcións de nivel e paisaxes para todos os gustos e demandas.

Percorrendo a rede na súa totalidade hai ocasión de coñecer 43 elementos patrimoniais de especial interese, tanto de carácter relixioso (igrexas, capelas, cruceiros, petos de ánima), arquitectura (pazos, casas rectorais, pontes), elementos etnográficos (lavadoiros e fontes) e variadas paisaxes, miradoiros e recunchos pintorescos.

"Boiro é un concello con moitas e variadas paisaxes, con mar e montaña, praias e viñas, ríos e rías e a mellor maneira de saborealo é a ritmo de pedal, tes toda unha rede ao teu alcance, aprovéitaa!!", aconsellan dende o Concello.

Download now or preview on posterous
Portada_Galego_ver.pdf (1011 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical