17.8.10

Cultura: Boiro acollerá a exposición itinerante "Rosalía Sempre Viva. Viva Rosalía!!!"

A exposición percorrerá dez concellos da provincia da Coruña
17/08/2010
A deputada responsable da área de Igualdade da Deputación da Coruña, Silvia Seixas, presentou onte, na sede da institución provincial, os contidos da exposición que conmemora o cento vinte e cinco falecemento da escritora Rosalía da Castro. No acto estivo acompañada polo comisario da Exposición, Diego Pardo Amado, e do representante da Fundación Manuel María, Alberte Ansede. 
Segundo a deputada provincial, Silvia Seixas, “esta exposición vén  conmemorar o cento vinte e cinco cabodano da morte da poeta máis intelixente, intuitiva e reflexiva do panorama literario galego”, unha verdadeira precursora en defender os dereitos das mulleres na súa época. Dende a Deputación provincial da Coruña preténdese divulgar a verdadeira dimensión expresiva da escritora compostelán, símbolo do seu tempo e tan viva nos actuais. 
Por outra banda o comisario da exposición, Diego Pardo,  definiu a Rosalía de Castro “como un referente na literatura universal”, e esta mostra supón coñecer a unha Rosalía “visionaria do futuro do noso idioma” e “da problemática das mulleres cos malos tratos”. 
O representante da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, recordou que o libro de cabeceira de Manuel María era Follas Novas, e que no seu leito de morte “na súa consciencia para morrer como outros piden a biblia o escritor pediu que lle trouxeran o poemario”.  
A exposición fai un percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra da literata e así nos mostra a unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal e que foi fundadora da literatura galega contemporánea.  
A mostra está conformada por vinte paneis compostos de elementos gráficos e textos que repasan os aspectos máis relevantes da vida e obra de Rosalía de Castro realizada cunha grande seriedade e rigor, que está acompañada de recursos audiovisuais que permite que o público interactúe cos seus distintos elementos. Igualmente será visitada por grupos de escolares unha vez que comece o curso académico para o que foi realizada unha guía didáctica.
Arteixo será o primeiro dos concellos onde se mostre a exposición itinerante que despois será levada a Boiro, Fisterra, Melide, Padrón, Carballo, As Pontes, Ferrol, Santiago e A Coruña a onde chegará na segunda quincena de decembro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical