22.8.10

Noia: o venres 27 de agosto o grupo Teatro Liceo de Noia representa Smoking

Noia, 22 de agosto de 2010. O próximo venres, día 27, o grupo Teatro Liceo de Noia presenta "Smóking" ás 21:30 no salón de dita sociedade.

Trátase dunha glamourosa comedia na que priman a resistencia a entrar na idade de xubilación; o respecto e a admiración dos mozos polas formas de facer dos maiores e, de xeito especial, a amizade entre dous homes na plena madurez.

A acción desenvólvese integramente nun salón de ambientación moderna, de luxo e seducción na vivenda dun prestixioso arquitecto, maduro, atractivo, interesante e sempre disposto á aventura. Un arquitecto de éxito coas mulleres, cunha vida familiar estable e feliz. Aparentemente. dispón de todo e está convencido de que todas as mulleres con encanto se encaixan perfectamente a él. Imposible para o arquitecto imaxinar cómo pasar o resto da vida sen a súa dona, partillando piso co seu mellor amigo.

Smóking é unha comedia na que priman excelentes e intelixentes diálogos mergullados no cinismo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

20.8.10

Porto do Son: a conselleira de Mar visitou a confraría de Portosín e incidiu na loita contra o emprego de dinamita

Porto do Son, 20 de agosto de 2010. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, agradeceu hoxe aos representantes da confraría de Portosín o seu rexeitamento frontal ao desenvolvemento de prácticas ilegais na pesca como o uso da dinamita. No transcurso do encontro co patrón maior e cos representantes do pósito de Portosín, Rosa Quintana lembrou que o seu departamento traballa para tratar de erradicar esta forma ilegal de pesca “que prexudica aos pescadores, ao medioambiente e aos consumidores”.

Rosa Quintana destacou que a Consellería do Mar apoia todas aquelas accións que se realicen co fin de rematar coas prácticas de pesca ilegal como é o uso de explosivos no mar. A conselleira tamén lamentou a existencia deste tipo de lacras “que son nocivas para todos” e incidiu en que o Servizo de Gardacostas de Galicia está tamén a realizar inspeccións co fin de perseguir esta práctica ilegal.

Asemade, a titular do departamento autonómico lembrou que a Consellería do Mar se personou na causa aberta contra o emprego de dinamita na pesca do cerco no marco da “Operación Abuelo”. Entre os obxectivos desta personación está a de recabar toda a información antes de tomar decisión algunha en relación coas accións administrativas a adoptar no eido pesqueiro. Neste senso, Rosa Quintana manifestou que o departamento que dirixe actuará a este respecto con todas as cautelas e preservando sempre a presunción de inocencia para evitar a adopción de medidas que puideran ou tiveran que ser revogadas posteriormente.

Visitas a confrarías

A responsable de Mar realizou estas declaracións na súa visita á confraría de Portosín, a onde se desprazou logo de asistir a Porto do Son, onde mantivo unha xuntanza cos seus representantes co obxectivo de coñecer de primeira man as súas necesidades. Estes encontros enmárcanse na rolda de visitas que a responsable autonómica de Mar está a facer a todas as Confrarías de Galicia, para atender as demandas do sector.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: O Faiado 2 organiza a cuarta Xuntanza Literaria "Barbanza na escrita" o mércores 25 de agosto

Arqueoloxía: A Lanzada, centro de comercio internacional

Estivo ocupado preto de 1.500 anos e a día de hoxe, o da Lanzada é un depósito excepcional tanto polo seu estado de conservación como pola cantidade de material. O investigador Xurxo Ayán e Rafael Rodríguez presentaron onte as novidades e achádegos das escavacións que se están a facer desde o pasado mes de xuño. O resultado deixa tras de si a revelación de que foi un centro de comercio internacional, algo así como El Corte Inglés da época. Na fase de escavacións, que rematará en setembro, atoparon cerámica da actual Turquía, Palestina, Líbano, Exipto e Túnez.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

19.8.10

Noia: o secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, visitou o cuartel da garda civil, recentemente ampliado

Noia, 19 de agosto de 2010. O secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, estivo esta mañá en Noia para visitar a rehabilitación e ampliación do cuartel da Garda Civil desta localidade. Estas obras foron financiadas con cargo ao Plan E, polo Ministerio do Interior, cunha inversión total de 596.371 euros.

Segundo o gabinete de prensa do Ministerio, os concellos da provincia coruñesa suman xa 776 proxectos que se van ir executando no que queda de ano con cargo ao Fondo Estatal para Emprego e Sustentabilidade Local, cunha inversión final que supera os 120 millóns de euros. No que atinxe ao FEIL 2009, o Ministerio de Política Territorial transferiu aos concellos coruñeses 200 millóns de euros, case o 100% do que se comprometera. No que corresponde aos concellos galegos, xa recibiron 190,05 millóns de euros para comezar obras de 1.830 proxectos do FEESL 2010. Polo FEIL 2009, o Ministerio xa traspasou 474 millóns de euros e estima a creación de emprego por estas obras en case 24.000 postos de traballo.
   Gaspar Zarrías tamén cursou visita ao concello de Ames, para visitar a reurbanización dunha rúa na que se investiu máis dun millón de euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: no Rúas Vivas, hoxe "O turista madrileño", de Evaristo Calvo. O venres, Los Chavales

Noia, 19 de agosto de 2010. O programa Rúas Vivas continúa, xa nos seus derradeiros días deste verán de 2010. Os xoves está reservado a monologuistas, e este xoves 19 tócalle dalo todo á metade de "Mofa e Befa", o actor Evaristo Calvo, que fará un monólogo titulado "O turista madrileño". Calvo presenta este monólogo, que estreou o ano pasado, e compaxina co seu traballo con Quico Cadaval e "Mofa e Befa", que están a representar "Shakespeare para ignorantes". Neste fragmento, Calvo é o que leva a guitarra:


Concerto de Los Chavales con petición especial

Na praza do Cantón terá lugar mañá, venres 20 de agosto, o concerto de Los Chavales. Hai en Facebook creado un grupo que reclama que estes artistas versioneen unha canción (unha polo menos) de Los Tamara. Sucederá? Mañá a partires das dez e media da noite comprobarémolo. Namentres, miren como sonan:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: Vai de Roda subiu a Picasa medio cento de fotos da súa actuación en Bueu

Se vou a Bueu nun bou, vou
pero se non vou a Bueu nun bou, non vou...
E como esta imaxe, 52 máis en http://picasaweb.google.com/vaiderodarianxo/VdRBueu

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Arte: ata o 14 de setembro, no auditorio de Ribeira, MarArt


Muller con golfiño, de José Gude

Ribeira, 19 de agosto de 2010. O auditorio de Ribeira acubille ata o 14 de setembro unha mostra de autores do Barbanza. Entre eles están os ribeirenses Jontxu Argibay e José Gude, así como Uxía Santos, Pablo Ces, Antonio Callón ou Susi Rodríguez. O horario de apertura do auditorio para ver esta exposición é de once da mañá a dúas da tarde de luns a venres. Martes, mércores e sábados, tamén de sete da tarde a nove da noitiña.

Como indica o nome da exposición, MarArt, o principal motivo das obras é o mar, que se pode aprezar nas fotos de Pablo Ces ou nas xoias de Uxía Santos, que exploran as cunchas. José Gude, Antonio Callón e Jontxu Argibay mostran esculturas. Os ribeirenses amosan algunhas das súas pezas no seu blog http://arteleira.blogspot.com,


Peza de Jontxu Argibay en aglomerado que se pode ver na expo

Susi Rodríguez e Pablo Ces son fotógrafos. Ces ofrece as típicas estampas mariñeiras mentres Rodríguez fíxolle fotos ás alfaias de Uxía Santos en distintas paisaxes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

18.8.10

Ribeira: aposta solidaria na Taberna do Riaso para a Asociación Compostelana de Esclerosis Múltiple



Ribeira, 18 de agosto de 2010. Mañá, xoves 19 de Agosto, ás 22:30 terá lugar na Taberna do Riaso, sita no número 6 da ribeirense Rúa do Sal, o escrutinio da Porra dos Corchos. Isto é o reconto dun floreiro de cristal de grandes dimensións cheo de corchos de botellas de viño e que xurdiu dunha aposta entre clientes e amigos da Taberna do Riaso.
Con esta aposta contribuíron a recadación de fondos destinados a axudar na construción do centro de día da Asociación Compostelana de Esclerosis Múltiple, a cal mandará mañá uns representantes que axudarán no reconto dos corchos á vez que contarán un pouco máis o seu proxecto.

Durante o acto celebrarase unha mexilloada gratuita para todos os que desexen asistir.


Web da Acem, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a Xunta está a facer os trámites para dotar de gasolineira outra vez ao porto

Anunciou no Diario Oficial de Galicia o procedemento de selección de oferta para a tramitación dunha concesión administrativa por 20 anos prorrogables a 30

Rianxo, 18 de agosto de 2010.- O porto de Rianxo contará cunha estación de subministro de combustible para a flota pesqueira con base neste porto da ría de Arousa, informou hoxe a Xunta de Galicia. Este servizo vén sendo reclamado por mariñeiros e grupos políticos con moita insistencia dende que deixou de funcionar a gasolineira que había, cos conseguintes prexuízos.

 Anunciouse no Diario Oficial de Galicia o procedemento de selección de oferta para a tramitación dunha concesión administrativa de ocupación do dominio público portuario no porto de Rianxo para unhas instalacións de subministración de combustible. O organismo portuario está a instalar nos portos de Galicia estacións de subministro de combustible co obxecto de facilitar aos barcos que habitualmente teñen a súa base nos portos un servizo fundamental para a súa operatividade.

O prazo desta concesión será por un período de vinte anos coa posibilidade de seren prorrogados ata acadar os 30 anos ou o prazo máximo establecido na lexislación vixente no momento da prórroga. O sistema de adxudicación terá en conta a oferta máis vantaxosa.A subministración de combustible obxecto deste concurso é para embarcacións, actividade que deberá manterse ao longo do período de vixencia da concesión, permitindo propostas que inclúan ademais o servizo a vehículos de usuarios do porto.

Os documentos administrativos desta convocatoria poderanse descargar na web http://www.contratosdegalicia.es/resultado.jsp?N=14392. A data límite de presentación de solicitudes remata ás 14:00 horas do trixésimo día hábil seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical