6.5.10

Curiosidades: logo din que está faltando imaxinación en Hollywood

Hai un proxecto para converter as famosas letras (que están descoidadas, polo visto) nada menos que nun hotel de luxo. Miren as maquetas en http://reflectionof.me/hollywood-sign-hotel-concept

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Infraestruturas: tachan de "prepotencia" e "escasa sensibilidade" o rexeitamento da Xunta de ampliar a estrada entre Noia e Augasantas

Os socialistas viron rexeitada hoxe na Comisión de Infraestruturas do Parlamento esta actuación que pediran en xuño de 2009

O deputado José Manuel Lage láiase de que o "rodillo do PP impida unha mellora notable das comunicacións entre os concellos de Noia, Lousame, Rois e Padrón"

Noia, 6 de maio de 2010. O viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage, amosou hoxe a súa “decepción” pola “escasa sensibilidade” e “prepotencia” amosada polo PP ao rexeitar hoxe, na Comisión de Infraestruturas do Parlamento, unha Proposición non de Lei do PSdeG-PSOE para ampliar e mellorar a estrada entre Noia e Augasantas (no Concello de Rois).

Lage lamentou que o “rodillo” do PP impida aprobar esta iniciativa que instaba a “estudar a reforma e ampliación da estrada AC-308 co obxecto de mellorar a comunicación terrestre e dos concellos limítrofes”, así como para levar adiante un Plan de sinalización e mellora dos vieiros autonómicos neste concello. Acusou ao PP de “mentir” ao asegurar no debate da Comisión que a obra estaba sendo executada e que o concello estaba en contra da iniciativa.

O parlamentario socialista lembrou que no concello de Lousame están a favor de mellorar a devandita estrada e apuntou ao PP que “o próximo pleno do concello poderá escoitar as mentiras que dixeron hoxe nesta sesión” con relación a esta infraestrutura. Tamén replicou á resposta do PP, que remitía as melloras da sinalización de vieiros autonómicos a un virtual convenio posterior entre a Xunta e o concello, e lembrou que a competencia para levar a cabo estas actuacións corresponde á Xunta, advertindo que “non creo que teña que ser o concello o quen teña que levar adiante as actuacións de sinalización en estradas autonómicas”.

Lage Tuñas salientou a necesidade de reformar este vieiro e proxectar a súa ampliación “xa que é unha demanda permanente dos veciños e veciñas do concello de Lousame que utilizan asiduamente esta estrada. Considera “fundamental” a mellora destas estradas de titularidade autonómica xa que “o impulso das infraestruturas de comunicación terrestre supón un importante impulso para o citado concello e permite a conexión entre Noia e Padrón”.


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

A Pobra: o Psoe pregunta pola xuíza de paz de facto e a ausencia de nomeamentos públicos desta e do substituto

A Pobra, 6 de maio de 2010. Semella que nalgúns asuntos o tempo detense nas administracións autonómicas e locais. En agosto do ano pasado (só faltan tres meses para que faga un ano) a socialista pobrense Teresa García Guillán presentaba un escrito perante a secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que este órgano xudicial se pronunciara por unha posible incompatibilidade do novo xuíz de Paz nomeado en sesión plenaria. Os argumentos principais para que a nova xuíz de paz nomeada, Elena García e o xuíz substituto, Álvaro Viéitez Davila, non puideran  desempeñar estas funcións eran que a primeira desempeñaba funcións profesionais nun bufete, o cal non lle está permitido pola lei aos xuíces de paz, e o segundo ten unha clara cor política, ao ser reiteradas as súas manifestacións partidistas a prol do Partido Popular de A Pobra do Caramiñal.

Nove meses despois, Teresa García solicita que se informe destas cuestións directamente no pleno e se esclareza como é que non foron nomeados publicamente estes dous servidores públicos.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: autoridades da comarca homenaxearon ao comandante Ramón Río no seu pase á reserva

Ribeira, 6 de maio de 2010. O club Náutico de Ribeira acubillou hoxe unha comida de homenaxe ao comandante Ramón Río Iglesias, que se despide das súas funcións como tenente coronel do escadrón de Vixiancia Aérea número 10 (EVA 10, sito nos Chans da Barbanza, no monte Iroite) polo seu pase á reserva.

    O comandante Ramón Río deu as grazas a todos os alí congregados e salientou o ben que foi recibido e o cómodo que traballou nesta bisbarra de Barbanza. Na comida entregóuselle unha placa e estiveron representadas autoridades políticas locais de toda a zona, dende Noia a Rianxo, así como autoridades militares (tenente e capitán da Garda Civil, capitán marítimo de Ribeira, comisario e ex comisario da Policía Nacional de Ribeira) e mesmo empresarios, como Ramiro Carregal, presidente de Frinsa.


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Música: o selo ribeirense Radix Records xa ten dispoñible a súa primeira referencia

Ribeira, maio de 2010. "Temos a honra de presentarvos a primeira referencia do selo Radix Records. É dos rapaces de Donosti "Madeleine", con edición en CD Digipack". Así comeza a nota deste selo de Ribeira que coñecemos hai pouco e entrevistamos en Certo, aquí.
 

Quen son "Madeleine"?

Cinco rapaces que optaron por un camiño distinto: normalmente a xente máis moza comeza tocando hardcore/punk/metal e logo na madurez céntranse en estilos como o que eles escolleron. Sonan na liña de "God is an Astronaut" ou "Russian Circles". Podedes escoitalos en http://www.myspace.com/madeleinmusika

Canto costa o CD?

8,00€ gastos de envío incluídos. Pedidos a  radixrecords@hotmail.es


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Música: o ribeirense Javier Ferreirós é un dos gañadores do certame "A Coruña Son" 2010


Javier Ferreirós na charla que deu sobre Bob Dylan no Ateneo Valle Inclán de Ribeira. Vía Plaza

Ribeira, 6 de maio de 2010. Acaba de fallarse o certame A Coruña Son 2010, que xa vai pola terceira edición, e un dos gañadores é o especialista en Bob Dylan da comarca, o ribeirense Javier Ferreirós. Presentou dous temas a este certame, "O que ten o verán" e "Pandora", que poden escoitar a continuación:

Prodúcese a casualidade de que Javier Ferreirós tamén é letrista doutro dos grupos que gañaron, Duplo Son. Unha das presentadas, Casa do Río, ten un comentario do propio Ferreirós que o di todo: "Temaso. Letrasa". Aquí o teñen:

O resto dos grupos gañadores son:


-Avante
-Esdrúxulas
-Batital
-Os John Deeres
-FucoXabier
-Qronopios
-Esquíos

   Estes grupos e solistas representan os diferentes estilos que están a desenvolverse hoxe en día no ámbito da canción galega, desde o pop ao Heavy, pasando pola canción de autor.

Cal é o premio de A Coruña Son?

O galardón consiste na asistencia entre o 10 e o 15 de maio a un obradoiro de composición, produción e autoedición impartido por Gastón Rodríguez, Andrés Teijeiro, Bieito Romero, Xabier Díaz, Carmen Rey e Sergio Lago. O obradoiro concluirá o sábado 15 de maio cun gran concerto de todos os grupos gañadores na sala Túnel (nos baixos do Coliseum da Coruña) ás 21:00. A entrada é libre até completar aforo.

As persoas interesadas en asistir como oíntes ao obradoiro poden inscribirse enviando un correo a acorunason10@gmail.com.

Onde escoitar a todos os grupos gañadores?

Na páxina web do certame, en http://acorunason.eu

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Lousame: este sábado 8 de maio, teatro infantil con "Elba e Marcos e os xoguetes encantados"

O Sábado 8 de Maio, con motivo da Semana da Xuventude de Lousame, represéntase na Casa da Cultura de Lousame a obra de teatro infantil "Elba e Marcos e os xoguetes encantados". Comeza ás 11.00 h.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Curiosidades: tamén chove en Internet

Recoméndano para relaxarse. Vai ser que con este inverno que tivemos e a primavera mollada que está a vir por aquí, algún vaise relaxar de máis...

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

5.5.10

Noia: o Psoe pide a PP e Bng que "non sexan freo para o futuro" e deixen "de bloquear inversións da Xunta"

O viceportavoz do Grupo Socialista, Lage Tuñas considera “irresponsable a actitude do Partido Popular de Noia, bloqueando as inversións no concello que son tan necesarias para mellorar a situación do marisqueo” e ve "dunha enorme irresponsabilidade o que están facendo PP e BNG bloqueando a inversión da Xunta de Galicia en Noia. Primeiro non lles gustaba o proxecto do goberno socialista na Xunta e agora tampouco lles gusta o proxecto do goberno popular. Quen perde? Noia, a economía do pobo e o conxunto dos cidadáns da nosa vila.”

O saneamento da Ría de Noia é un cadro que non se da rematado

Noia, 5 de maio de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage expuso hoxe a necesidade de “que os grupos da oposición, PP e BNG, abandonen a locura de estar en contra de todo, e deixen de bloquear o proxecto de saneamento de Noia”.

“Pídolles responsabilidade e cordura” proseguiu Lage Tuñas ao tempo que expoñía que “Pérez Insúa aínda non explicou o seu cambio de postura” e recordaba que “nun acto do Partido Popular no mes de marzo o propio Agustín Hernández anunciaba o saneamento de Noia e non vin ao Sr. Pérez Insua decir que estaba en desacordo. Tampouco o fixo cando estivo o Sr. Feijóo nunha cea do Partido Popular fai un par de meses”.

Lage Tuñas recordou que “o alcalde de Noia apoia os proxectos da Xunta de Galicia tanto antes como agora, traballando para que se poida facer o saneamento integral do concello e evitar as verteduras directas á ría”.

O viceportavoz do Grupo Socialista explica que “o alcalde, Rafael García Guerrero está defendendo o que pensa a inmensa maioría dos cidadáns. É unha pena que o candidato do PP se opoña aos desexos da inmensa maioría dos cidadáns de Noia, primeiro freando o saneamento e despois metendo paos nas rodas para que non se retire a escollera e o Estado faga unha inversión millonario na rexeneración da nosa ría”. Lage opina que “é dunha enorme irresponsabilidade o que están facendo PP e BNG bloqueando a inversión da Xunta de Galicia en Noia. Primeiro non lles gustaba o proxecto do goberno socialista na Xunta e agora tampouco lles gusta o proxecto do goberno popular. Quen perde? Noia, a economía do pobo e o conxunto dos cidadáns da nosa vila.”


”Pídolle ao Sr. Pérez Insua que fale cos seus votantes, que escoite aos cidadáns de Noia, porque ninguén entende que o PP e o seu candidato se opoñan a inversións tan importantes e tan esperadas ”. ”Comparto coa Confraría e cos empresarios de Noia as súas reivindicacións e teño que decir que dende o PsdeG-PSOE sempre apoiamos tódolos proxectos de inversión para Noia, tanto co PSdeG na Xunta como agora co PP. Os proxectos de interese xeral para as noiesas e os noieses son para nós o máis importante, por iso volvo a facer un chamamento ao PP e ao BNG para que abandonen a locura de opoñerse a tódalas inversións que está conseguindo o alcalde, e apoien o noso traballo nas institucións”.

O Viceportavoz do Grupo Socialista lembrou que ”os comerciantes, os empresarios, a confraría, os veciños de Noia valoran positivamente a iniciativa socialista para que se poidan invertir 3 millóns de euros na limpeza e rexeneración da ría. É unha pena que o candidato do PP tamén se opoña a éste proxecto e aos desexos da inmensa maioría dos cidadáns de Noia”.

O deputado do PSdeG entende que ”é o momento de que a oposición apoie ao goberno e non tiren pedras contra os intereses de Noia. Que escoiten ás asociacións empresariais, ao pequeno comercio, aos veciños de Noia”.

Dende o PSdeG-PSOE defenden a inversión do Estado e o papel xogado polos socialistas galegos para que Noia recupere o tempo perdido con inversións destas características que “son positivas e ademais supoñen o primeiro paso para recuperar o esplendor de Noia como referencia entre as vilas medias de Galicia”.

“Nós apostamos de forma decidida pola limpeza e rexeneración da ría de Noia e por iso xestionamos co goberno de España unha inversión de 3 millóns de euros para a demolición da escollera e a limpeza da ría”.

Antes publicamos:


Medio Ambiente: hai plan ou non para sanear a Ría? Xunta e Bng contradícense


Escollera na Ría de Noia
: Si, ou non?

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

A Pobra: o Bng pide control no derrubo da conserveira da Ribeiriña para evitar verteduras

O deputado do Bng en Madrid Francisco Jorquera solicitou ao Goberno máis control nas obras para tirar a 'Onza de Oro', xa que o 26 de abril houbo unha vertedura. Tamén pregunta cando vai rematar a actuación nesta zona.

A Pobra do Caramiñal, 5 de maio de 2010. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha inicitiva parlamentar na Cámara para pedirlle ao Ministerio de Medio Ambiente un maior control e vixianza nas obras de derrubamento da nave “Onza de Oro” en Ribeiriña (Pobra do Caramiñal) para evitar vertidos como o acontecido o pasado 26 de abril.

Explica Jorquera que as obras de demolición da antiga fábrica conserveira comezaron o 20 de abril. O propósito é o de recuperar e rexenerar esta zona do litoral xa que o recheo sobre o que se construiu a nave sepultou unha praia.

“Os veciños da zona levan moitos anos agardando unha actuación que permitise a recuperación desta área. Esa foi a razón pola que o BNG non só presentou diversas iniciativas parlamentares senón que logrou a inclusión dunha partida nos Orzamentos Xerais do Estado para efectuar tal plan”, sinala o deputado nacionalista.

Evitar máis accidentes deste tipo


Jorquera expresou a satisfación polo inicio das obras pero subliñou que non se realizaron coas medidas de prevención e seguridade precisas para evitar problemas. Así referiuse ao vertido de aceite que se produciu na praia de A Ribeiriña o 26 de abril como consecuencia das obras. O escape produciuse cando se pretendía retirar un dos tanques e acabou chegando á praia.

“Coñece o Ministerio de Medio Ambiente o vertido que se produciu na praia de A Ribeiriña? Vai o Ministerio a reclamar á empresa encargada dos traballos que adopte todas as medidas de prevención e seguridade necesarias a fin de evitar este tipo de accidentes?”, son as preguntas que dirixiu ao Goberno.

Por último, Jorquera quer saber en que data rematarán estas actuacións, “cando estará finalizada a primeira fase do proxecto? Cando poderán os veciños de Ribeiriña contar cun espazo rexenerado e recuperado?”.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical