5.5.10

A Pobra: o Bng pide control no derrubo da conserveira da Ribeiriña para evitar verteduras

O deputado do Bng en Madrid Francisco Jorquera solicitou ao Goberno máis control nas obras para tirar a 'Onza de Oro', xa que o 26 de abril houbo unha vertedura. Tamén pregunta cando vai rematar a actuación nesta zona.

A Pobra do Caramiñal, 5 de maio de 2010. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha inicitiva parlamentar na Cámara para pedirlle ao Ministerio de Medio Ambiente un maior control e vixianza nas obras de derrubamento da nave “Onza de Oro” en Ribeiriña (Pobra do Caramiñal) para evitar vertidos como o acontecido o pasado 26 de abril.

Explica Jorquera que as obras de demolición da antiga fábrica conserveira comezaron o 20 de abril. O propósito é o de recuperar e rexenerar esta zona do litoral xa que o recheo sobre o que se construiu a nave sepultou unha praia.

“Os veciños da zona levan moitos anos agardando unha actuación que permitise a recuperación desta área. Esa foi a razón pola que o BNG non só presentou diversas iniciativas parlamentares senón que logrou a inclusión dunha partida nos Orzamentos Xerais do Estado para efectuar tal plan”, sinala o deputado nacionalista.

Evitar máis accidentes deste tipo


Jorquera expresou a satisfación polo inicio das obras pero subliñou que non se realizaron coas medidas de prevención e seguridade precisas para evitar problemas. Así referiuse ao vertido de aceite que se produciu na praia de A Ribeiriña o 26 de abril como consecuencia das obras. O escape produciuse cando se pretendía retirar un dos tanques e acabou chegando á praia.

“Coñece o Ministerio de Medio Ambiente o vertido que se produciu na praia de A Ribeiriña? Vai o Ministerio a reclamar á empresa encargada dos traballos que adopte todas as medidas de prevención e seguridade necesarias a fin de evitar este tipo de accidentes?”, son as preguntas que dirixiu ao Goberno.

Por último, Jorquera quer saber en que data rematarán estas actuacións, “cando estará finalizada a primeira fase do proxecto? Cando poderán os veciños de Ribeiriña contar cun espazo rexenerado e recuperado?”.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical