USC - Universidade de Santiago de CompostelaA Cátedra Valle-Inclán da USC terá acceso ao legado dos manuscritos do escritor galego
• Actualizada o Xoves, 28 de febreiro de 2008 ás 13:24
A Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago terá acceso aos manuscritos, ata agora descoñecidos, do escritor galego para o seu estudo e publicación. Trátase dun fondo documental de máis de 5.000 páxinas, moitas inéditas, que a partir de agora poderá ser revisada polos investigadores da Cátedra compostelá.
Esta cesión formalizouse recentemente cun acordo entre os responsables da Universidade e os herdeiros do escritor, a familia Valle-Inclán/Alsina, que permitirá que os investigadores da institución académica accedan aos amplos fondos documentais orixinais, un legado que foi reunido, ampliado e conservado por Carlos del Valle-Inclán Blanco, fillo do escritor.
Os detalles desta cesión foron explicados este xoves nunha roda de prensa que presidiu o reitor da USC, Senén Barro,e na que tamén participaron o neto do escritor, Javier del Valle-Inclán Alsina; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; e a directora da Cátedra Valle-Inclán da USC, Margarita Santos Zas, para quen “ter entre as mans estes milleiros de páxinas é un auténtico tesouro”.
A Cátedra Valle-Inclán
A Cátedra Valle-Inclán da USC creouse en 2002 como marco de integración e apoio da tarefa de investigación, actividades e proxectos que desenvolve o Grupo de investigación Valle-Inclán da USC dende 1994. Entre as súas actividades ao longo de todos este anos destaca un seminario permanente impartido por especialistas na obra do escritor galego.
A Cátedra dispón ademais dunha Biblioteca cunha colección con selo propio dirixida pola profesora Santos Zas e que pretende servir de canle á difusión universitaria da investigación e contribuír ao mellor coñecemento da obra do autor galego.
Polo de agora, a Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán ten publicado Mi bisabuelo, unha edición facsimilar do manuscrito autógrafo do escritor; El centro del círculo: La Lámpara Maravillosa, de Valle Inclán, de Virginia Milner; e Valle-Inclán, candidato republicano, de Amparo de Juan e Javier Serrano.
Proximamente publicarán a obra Archivo familiar de Valle-Inclán, unha descrición do fondo documental do autor; Letras de estima. Catálogo de obras dedicadas de la biblioteca de Valle-Inclán, de Javier del Valle-Inclán; e Todo Valle-Inclán en Roma (1933-1936), do Grupo de investigación Valle-Inclán da USC.
Blogged with Flock
No hay comentarios:
Publicar un comentario