3.10.09

Luania: Homes Libres na Época de Ninguén

A idea de escribir estes posts ocorreu despois de atoparmos Luania, o solitario castelo empoleirado no alto dun solitario monte por riba da Devesa de Nimo. Derrubado, pero enteiro, ao sentarte nun estremo de Luania distingues o serpeante esteiro do río Tambre e a ría de Muros abríndose diante túa ata o monte Louro e o mar. Luania estaba ausente da bibliografía histórica contemporánea que trataba sobre Noia e os seus arredores, pero a nosa sorpresa, foi comprobar que tamén o estaba da documentación medieval. A penas dúas referencias en séculos e séculos de Historia e nelas o castelo aparecía coma o convidado de pedra, un dos marcos que acoitan o couto do mosteiro de Toxosoutos. No século XI, este lugar xa estaba en ruínas. Pero non foi o único caso. Por tomarmos outro exemplo da mesma diócese de Iria -o antigo bispado da Terra de Santiago-, no ano 916, cando se funda o mosteiro de San Salvador de Lérez, o rei Ordoño II tamén acouta o territorio do mosteiro ata o muro do castelo de Citofacta -actual Cedofeita-. Outra vez un convidado de pedra. Outra vez o castelo como marco, non como dominio territorial.

¿Ruínas medievais no século IX, X ou XI? ¿Como pode ser?¿De que nos falan? ¿Por que non sabemos máis? ¿E para que valían?

Castelos e Castelos

Ao longo do territorio do país, existen un tipo de xacementos arqueolóxicos que sempre ocupan un lugar marxinal na literatura arqueolóxica e histórica. O galego ten unha palabra específica para eles: o castelo. Por castelo non se entende só a típica fortificación medieval que coñecemos, coa súa torre de homenaxe, as súas ameas, muralla, adarve, o seu foxo, todo isto. Na maior parte dos casos, os castelos da nosa toponimia definen lugares inhóspitos, metidos nunha serra, un picacho de penedos de vistas maxestuosas, esquencido, asolagados por toxos, moitas veces con restos arqueolóxicos moi pouco apreciables. O máis valioso que atoparás será tella -a veces pouca, a veces por todas partes- e, se sabes mirar, nos penedos comezarás a distinguir marcas, asentos e calzos que parecen indicar que alí houbo unha estrutura. Nalgúns casos, como Luania, ou Vitres, poderás apreciar cachote, pedra miúda, alí onde antes houbo habitacións ou muros. Ao estaren tan distanciados das aldeas actuais, os lugares preserváronse con bastante facilidade. Pero o que sorprende, cando un comeza a investigar, é descubrir que a densidade deste tipo de fortificacións ao longo de todo o país é moi, moi elevada, en canto se comeza a examinar con atención unha zona. Insisto na denominación castelo. Na tradición oral está ben claro cal é a diferencia entre un castelo e un castro. Non hai memoria documental destes lugares, abandonados hai máis dun milenio, pero na toponimia perduran perfectamente identificados. E son unha chea deles.

A Época de Ninguén

Estes castelos pertencen a unha época esquencida da nosa Historia, unha Época de Ninguén. Coñecemos moito máis da Idade de Ferro dos castros que do escuro periodo de 500 anos que vai desde a fin do Imperio Romano ata o século IX. ¿Que aconteceu en Galicia durante esta época? Case nada: unha invasión xermánica que cristalizou no Reino Suevo e unha posterior invasión visigótica que rematou con ese periodo. Desa época pouco permaneceu nos textos. Paulo Orosio narrou a penetración dos bárbaros en Galicia. Dispoñemos de listas de reis galaico-suevos…Sabemos que durante ese periodo Galicia pasou por unha guerra civil, por expansións e desfeitas, mesmo por un escuro periodo de case 100 anos do que só sabemos o nome dun monarca, pola conquista visigoda. O documento máis valioso da época é o Parrochiale Suevum, un texto que lista, por mor dun concilio en Lugo, as dióceses galegas. O mapa resultante desa lista de dióceses sorprende: os territorios dos bispados galegos durante o mundo suevo correspóndense de forma moi próxima á lista de tribos galegas das que falara, séculos antes, o xeógrafo romano Plinio. De algún xeito, os romanos mantiveran a organización territorial das antigas tribos galegas e 400 anos despois da conquista, seguían sendo realidades administrativas. Se colleras o Parrochiale e o compararas coa lista de tribos autóctonas de Plinio, sen saber que houbo unha conquista romana, dirías: aquí non pasou nada en cincocentos anos.

Pero falabamos da Época de Ninguén. Sabemos tan pouco, pero tan pouco, dese periodo, que moi pouca xente se adica a el. É o ovo e a galiña. E iso por un motivo: en teoría esta época é a Alta Idade Media. Pero os historiadores traballan, en gran medida, con fontes escritas. E resulta que non hai fontes escritas. Xa que logo, sería preciso empregar outras técnicas, como a arqueoloxía. Pero a arqueoloxía galega ocúpase, maioritariamente, de épocas anteriores. Os arqueólogos galegos están especializados en realidades recoñecibles, comparables, tradicionais: Roma, a Idade do Ferro e do Bronce, o Neolítico, etc. ¿Pero un arqueólogo especializado na Alta Idade Media? ¿E administrativamente onde o poderías encaixar?

Difícil encaixe.

O resultado é o seguinte: en Galicia hai centos de xacementos arqueolóxicos dos que non coñecemos case nada, que ninguén sabe situar nun horizonte temporal e que ninguén estudou en detalle. Os historiadores, por exemplo, ao enfrontarse á problemática destas fortalezas invisibles na documentación, tenden con facilidade a encravalas no contexto das invasións viquingas do século IX, como plataformas de observación dunha posible invasión normanda. Pero non hai ningún tipo de constancia documental que acredite que foron fundadas para esa función; ao meu ver, é un xeito como calquera outro de traer os feitos ao rego das épocas que coñecen máis. Como non temos investigación real, puideron ter esa función, ou poden ser anteriores e responderen a outra.

Do que nos falan é doutra Idade Media, diferente en certo xeito á que coñecemos. Pero desa outra Idade Media non coñecemos case nin nomes, nin historias.

As Repúblicas de Homes Libres

Na magnífica tese de doutoramento La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media, que o catedrático da USC Fernando Alsina publicou no ano 1988, aparecen unhas interesantes referencias a esa Outra Idade Media. Cando Alsina tenta comprender como se organiza a futura Terra de Santiago, atopa as referencias aos commissos, aos condados. Os commissos ou territorios correspóndense, no século IX, de xeito máis ou menos similar, coas dióceses das que falaba 400 anos antes o Parrochiale Suevum e coas tribos galaicas das que falaba, 800 anos antes, Plinio o Vello. Entre o Rei de Galicia, León e Asturias e os seus servos eses commissos ou territorios son o único chanzo intermedio. Alsina, na súa investigación, constata con abraio como perviven, case no cambio de milenio, estruturas sociais da época castrexa. E se fixa nun xeito no que se denominan: as respublica ingeniorum.

¿Que quere dicir respublica ingeniorum? Pois dúas cousas ao mesmo tempo: o Goberno ou República dos Homes Libres e o Goberno da Gens, da gran familia. Alsina atopouse que, ao longo de Galicia, cada un deses antigos territorios, como os Praestamarici (o Barbanza) ou os Amaei (actual A Mahía), estaba habitado polos membros dunha única gran familia, é dicir, por individudos vencellados por vínculos de sangue: campesiños libres, sen señor. E que dentro desa gran familia, as casatas designaban aos troncos familiares máis directos. Un home nacía libre dentro dunha casata, e herdaba a liberdade. Tamén había algunhas casatas de servos, que herdaban escravitude. A cada gens lle correspondía un territorio, e se puñan trabas aos seus membros para que se mudaran del. Boa parte dos galegos de aquela eran libres, aínda que non saibamos precisar que quería dicir iso. E suponse que a liberdade non quería dicir, necesariamente, boa posición económica. Podías ser pobre como as ratas e libre coma o vento. Podían participar en asembleas de xustiza e ter propiedades, aínda que moitas veces estaban ao servizo dun gran señor sen perder o carácter de libre. Entre eles e o Rei só había un funcionario intermedio á cabeza do commisus ou territorio. Contra o século IX, polo pouco que sabemos, as cousas comezaron a cambiar, e a diferencia social puido facerse maior.

Picados pola curiosidade, despois de atopar Luania decidimos correr os montes dos vellos condados de Praestamarici e Amaea, entre Santiago de Compostela e o mar. Serras de toxo e granito, lugares illados, na procura deses castelos, na procura de comprender máis esa Época de Ninguén e os Gobernos de Homes Libres, a función e o uso dos máis olvidados dos nosos monumentos do pasado. Son algúns dos cumios que puideches ver no trailer. No vindeiro post falaremos deles.

-->

Un interesantísimo artigo de Capítulo 0 (Manuel Gago) que intenta encher ocos do noso pasado remoto. Do das terras de Barbanza e arredores... e imaxinamos que extensible a outros territorios galegos.

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical