O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández, presentou as novidades que incorpora a Orde
Entre as principais novidades figuran a ampliación de cebos e artes a utilizar na pesca de superficie e o aumento en dous meses do período autorizado para a práctica da pesca submarina
A Coruña, 3 de outubro de 2009.- A Consellería do Mar púxose a traballar “dende o primeiro minuto” na nova orde provisional para regular a pesca deportiva, unha actividade que, segundo explicou o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio “urxía regular mentres non entre en vigor a nova Lei de pesca” xa que había un baleiro legal dende o 2006. Fernández Asensio mantivo ao longo destes meses reunións con representantes do sector “para escoitar voces e buscar o consenso do sector” e publicou a nova Orde “tendo en conta as súas achegas” o pasado 24 de setembro.
“A nova Orde pretende conseguir que esta actividade de ocio e turismo marítimo-pesqueiro conviva en harmonía coa pesca profesional e non interfira nela ou a prexudique” matizou o director xeral. O seu obxectivo é compatibilizar ambas actividades para coordinar a explotación e conservación dos recursos mariños e lograr un equilibrio ecolóxico á vez que social e económico.
Respecto da anterior normativa, as novidades que incorpora son a ampliación de cebos e artes a utilizar na pesca de superficie, o aumento en dous meses do período autorizado para a práctica da pesca submarina e a simplificación da burocracia existente nesta actividade, da que participan na actualidade 45.000 persoas.
Fernández Asensio dixo que, tras a publicación desta Orde, os afeccionados á pesca recreativa de superficie poderán utilizar 2 cañas ou sedelas cun máximo de 6 anzois, 2 poteiras, 2 garabetas e un gancho. Autorízase tamén o emprego dun trueiro como elemento auxiliar. Para utilizar coma cebo, os titulares de licenzas de pesca marítima de recreo en superficie poderán capturar diariamente ata un total de 50 poliquetos, 40 cangrexos, 200 gramos de pulgas de mar, 100 gramos de camaróns ou quisquillas (quedando prohibida a captura do camarón común).
Na rolda de prensa que ofreceu para explicar a nova normativa, o responsable de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños lembrou que a pesca en superficie poderase practicar todos os días do ano. Se se fai dende unha embarcación será en horario diurno, comprendido entre o orto e o ocaso. A pesca marítima de recreo submarina estará permitida unicamente os sábados, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.”No período comprendido entre o xoves e o domingo de Semana Santa, e entre o 1 de maio e o 30 de setembro poderá ser practicada todos os días, ampliándose así dous meses a súa práctica”, sinalou. O seu horario tamén será diúrno, comprendido entre o orto e o ocaso.
A Consellería do Mar estableceu que en calquera modalidade de pesca marítima de recreo se poderá capturar un máximo de cinco quilogramos por licenza e día de peixes e cefalópodos podendo non computarse o peso dunha peza que exceda o peso do tope establecido (só se permitirá a tenencia dunha peza que exceda o peso do tope establecido). Para o caso do polbo, o límite será de dúas pezas por pescador e día todo o ano.
Fernández Asensio indicou que as solicitudes das licenzas para a pesca de superficie poderase facer ben a papel ou vía telemática, mentres que as da pesca submarina se pode facer a través de entidades bancarias ou das delegacións. A validez é dun ano podéndose renovar. En canto aos requisitos, son os seguintes:
- para pesca de superficie: DNI ou pasaporte, autorización para consulta e xustificante da taxa.
- para a pesca submarina: DNI ou pasaporte, autorización, certificado médico, póliza do seguro, licenza de armas ou tarxeta da federación e xustificante de pago.
Os menores de idade non emancipados deberán achegar tamén un documento que acredite o permiso paterno ou materno ou do titor. A pesca submarina non está permitida aos menores de 16 anos.
A iniciativa, segundo explicou o director xeral, servirá para cubrir o baleiro legal existente dende o 2006, cando foi anulada a Orde que regulaba a pesca deportiva. Dende entón existía un baleiro que non foi cuberto durante o anterior Goberno. Cubrir a necesidade de regular esta actividade era unha das prioridades da Consellería do Mar, que en só seis meses, e despois de manter numerosas reunións cos diferentes representantes do sector para coñecer as súas inquedanzas e que fixeran as súas achegas, logrou publicar a Orde.
Zonas do litoral nas que queda prohibida a práctica da pesca marítima de recreo submarina
• En todas as rías de LUGO, por dentro das seguintes liñas:
-Ría de Ribadeo: entre punta da Cruz e Illa Pancha
-Ría de Viveiro: entre Punta Socastro e Punta Faro
-Ría de O Barqueiro: entre Punta Almeiro e Punta Coba Baixa
• En todas as rías de A CORUÑA, por dentro das seguintes liñas:
-Ría de Ortigueira: entre Punta do Castro e Punta Espesante.
-Ría de Ferrol: Punta Redonda e Punta do Vispón.
-Ría de Ares-Betanzos: entre Punta Miranda e Punta Redonda.
-Ría de A Coruña: entre Dique Barrié e Punta Mera.
-Ría de Corme-Laxe: entre Punta do Chans e Punta Cabalo.
-Ría de Camariñas: entre Punta Villueira e Punta Chorente.
-Ría de Corcubión: entre Punta Bardullas e Punta da Nasa; e entre Cabo Cee e Punta Galera.
-Ría de Muros e Noia: entre Punta Reburdiño e Isla de Santa Catalina e entre esta última e Punta Refins do Cons.
• En todas as rías de PONTEVEDRA, por dentro das seguintes liñas:
-Ría de Arousa: entre Punta Cabío e Punta Barbafeita e entre Punta Castelo e Cabeza do Mouro.
-Ría de Pontevedra: entre Punta Santa Marina e Punta Chirleu.
-Ría de Aldán: entre Punta Preguntoiro o do Bon e Punta Chirleu.
-Ría de Vigo: entre Punta Rodeira e a punta sur do peirao do Porto de Vigo .
-Ría de Baiona: entre Punta Lamela e Punta do Boi.
• Na provincia de Lugo: a menos de 250 metros das illas Coelleiras, Farallóns e Ansarón.
• Na provincia da Coruña: a menos de 250 m do isllote dos Aguillóns, islas Sisargas, Lobeiras e As Basoñas.
• O parque natural das Illas Atlánticas e as Reservas Mariñas regúlanse polas súas ordes específicas.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario