Galicia expón en Madrid o seu proxecto “Memoria de muller”
A Secretaría Xeral de Modernización participa hoxe na xornada “Mujer Rural, Empleo y Nuevas Tecnologías”
A acción englóbase dentro dun plano de actuacións conxuntas de entidades pertencentes a diferentes comunidades que traballan no achegamento das novas tecnoloxías á muller do rural
A iniciativa galega recóllese na web www.memoriademuller.eu, na que se poden ver videomontaxes elaboradas por mulleres maiores de 50 anos narrando as súas experiencias vitais
A web conta agora mesmo con 64 vídeos dispoñibles e ofrece, tamén, outra información adicional
Madrid, 10 de novembro de 2009.- A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, expuxo hoxe en Madrid a iniciativa Memoria de Muller, levada a cabo pola Rede de Dinamización da Sociedade da Información, e na que un grupo de mulleres galegas, maiores de 50 anos, contan as súas experiencias vitais a través de diferentes videomontaxes elaboradas por elas mesmas. O proxecto presentouse na xornada “Mujer Rural, Empleo y Nuevas Tecnologías”, no que colaboran sete entidades de distintas comunidades (Galicia, Madrid, Asturias, Castilla-La Mancha, Castilla y León e Andalucía).
A iniciativa galega, presentada por Carmen Suárez, coordinadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, consiste na elaboración de videomontaxes nas que mulleres maiores de 50 anos relatan diversos episodios das súas vidas. Están recollidas na web www.memoriademuller.eu, e serven para acercar a este colectivo ás novas tecnoloxías e á Sociedade da Información en xeral, mostrándolles a súas utilidades. Ao mesmo tempo, a iniciativa pretende recuperar a memoria histórica, persoal, social e cultural dos diferentes concellos aos que pertencen as mulleres participantes a través dos relatos persoais das mesmas, dándolle voz para transmitir as súas vivencias ás vindeiras xeracións.
Así, mediante este proxecto cada muller ten a oportunidade de crear un vídeo empregando imaxes antigas, a súa propia voz para narrar a historia e a música que cada unha escolle. O proceso a seguir para a elaboración do documento iníciase coa selección da historia oportuna, elaborando a continuación o guión mediante o procesador de textos Writer. Despois, as participantes escollen as imaxes, retocándoas cunha ferramenta fotográfica, e seleccionan a música. Por último, gravan e narran coa súa propia voz e realizan a montaxe.
Ata o momento, Memoria de Muller levouse a cabo en 20 concellos nos que 92 mulleres elaboraron outros tantos vídeos, agrupados nun total de 21 proxectos. Polo de agora, 64 destes vídeos están xa dispoñibles na web e foron reproducidos en máis de 33.000 ocasións.
Xunto cos vídeos, ademais doutra información atópanse dispoñibles as transcricións das historias, aspecto pensado especialmente para a comunidade xorda. Fotografías dos propios vídeos, imaxes das autoras, as súas idades, profesións, lugares de nacemento, ou unha pequena sinopse de cada videomontaxe completan esta sección. Actualmente a páxina web atópase en fase de tradución e pronto estará dispoñible en castelán.
Esta iniciativa foi presentada hoxe no seo da xornada “Mujer rural: empleo y Nuevas Tecnologías”, organizada polo Consorcio Sierra Oeste de Madrid, organismo constituído por 19 municipios e outros axentes socio-económicos que traballan fomentando o desenrolo nos seus concellos. Grazas a colaboración con outros sete grupos de todo o territorio nacional, lidera un proxecto que traballa na consecución de obxectivos comúns como a integración das mulleres dos medios rurais na dinamización económica e social dos seus territorios mediante a adaptación aos cambios socias e económicos que supoñen as novas tecnoloxías; o emprego destas tecnoloxías como instrumento de igualdade; a creación de lazos que permiten o intercambio de experiencias entre mulleres do rural; ou a loita contra os estereotipos sexistas existentes en nenos e mozos.
Desta maneira, lógranse identificar as accións formativas necesarias dirixidas ás mulleres que permiten a súa incorporación a postos de responsabilidade ata o de agora vedados, así como mellorar o seu acceso ao emprego. Así mesmo, o proxecto permite, tamén, traballar na determinación dos escenarios que posibilitan a creación de servizos para a participación das mulleres nos ámbitos socieconómicos e culturais; e profunda nos medios necesarios para que mulleres e homes repartan obrigas e afectos na vida familiar e laboral.
O proxecto centrado en Boiro: http://memoriademuller.eu/proxecto/boiro/
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario