xaneiro 26th, 2010 ás 17:51O galego, unha lingua para querer!
EtiquetasBiblioteca, concurso, declaracións de amorCoincidindo co Día da Candeloria, día no que “casan os paxaros”, e próximos á celebración do día de San Valentín, o Clube da Lingua e a Biblioteca do IES de Porto do Son convoca o “Concurso de Declaracións de Amor”
As bases que rexerán o concurso son as seguintes:
- O certame consiste na elaboración dunha declaración de amor en lingua galega.
- Poderá participar todo o alumnado da ESO, Ciclo e Bacharelato.
- A declaración deberá ser orixinal e inédita e valorarase tanto o seu contido como unha expresión correcta e unha presentación coidada. A organización do concurso poderá desbotar aquelas mensaxes de carácter discriminatorio ou ofensivo.
- Haberá tres modalidades:
- Texto escrito.
- Mensaxes SMS.
- Video-declaracións.
- A presentación de orixinais rematará o venres 5 de febreiro. Os traballos que se reciban despois deste día non entrarán no concurso.
- A participación neste concurso implica o consentimento do/a autor/a para a divulgación da obra presentada nas páxinas web da Biblioteca e do Clube da Lingua se se considera oportuno.
- O xurado estará integrado por cinco persoas, docentes e alumnos/as pertencentes ao Clube da Lingua e ao Equipo da Biblioteca. A resolución do xurado darase a coñecer o venres 12 de febreiro durante a celebración do Festival de Entroido.
- Haberá un premio (camisolas, memorias externas USB e libros) en cada unha das categorías (categoría A: 1º, 2º e 3º da ESO; e categoría B: 4º ESO, Ciclo e Bacharelato).
- Os premios poderán ser declarados desertos. A participación nesta convocatoria implica a aceptación de todas e cada unha das normas contidas nas presentes bases.
A. Texto escrito
- Os textos poderán estar escritos en prosa ou en verso.
- A extensión máxima do traballo non sobrepasará unha páxina. O tamaño da folla será A4, en letra Times New Roman 12 puntos en procesador de textos (word, openoffice), interliñado 1’5.
- Os traballos presentaranse baixo pseudónimo en sobre pechado e rotulado. No seu interior, nun papel dobrado, o/a concursante anotará o seu nome e apelidos e grupo ao que pertence.
- Os/as concursantes depositarán os seus traballos nunha caixa disposta na Biblioteca para tal fin.
B. Mensaxes SMS.
- Os textos escritos en linguaxe SMS terán como extensión máxima 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. As mensaxes que excedan esta extensión quedarán fóra do concurso.
- Os traballos presentaranse baixo pseudónimo en sobre pechado e rotulado. No seu interior, nun papel dobrado, o/a concursante anotará o seu nome e apelidos e grupo ao que pertence.
- Os/as concursantes depositarán os seus traballos nunha caixa disposta na Biblioteca para tal fin.
C. Video-declaracións.
- Cada participante poderá gravar unha declaración de amor de creación propia ou recitar poemas da literatura galega. A duración máxima da gravación será dun minuto.
- Poderá empregar medios propios (cámara de vídeo, móbil…) ou acudir ao Departamento de Audiovisuais (1º andar, enfronte da Aula de Convivencia) nos segundos recreos ata o 5 de febreiro para gravar a súa declaración.
- As gravacións serán entregadas nunha memoria electrónica (lapis USB) aos membros do Equipo da Biblioteca na semana do 1 ao 5 de febreiro nos primeiros recreos na Biblioteca.
-
Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario