22.3.10

Medio Ambiente: hoxe é o Día Mundial da Auga

Imaxe: fonte Lardueiro, en Cures, Boiro.

Nota oficial da Xunta de Galicia:

Poucas cousas hai no noso contorno que teñan tanta importancia como a auga. Sen auga non hai vida.

A auga é un valor constante na historia das civilizacións. A súa presenza e abundancia marcou os principais asentamentos humanos e condicionou a súa creación e desenvolvemento.

Os sucesivos avances da humanidade tiveron, e seguen a ter, na auga un elemento fundamental. A súa captación, tratamento e xestión marcan hoxe unha das prioridades da sociedade, consciente da súa importancia, do seu carácter finito, vulnerable e, en definitiva, vital.

Galicia non é unha excepción na preocupación pola dispoñibilidade en cantidade e, sobre todo, en calidade deste recurso.

Malia a tradicional riqueza hídrica da nosa terra que se manifesta nos dous mares, dezanove rías e os mil ríos cunqueiráns que delimitan e sucan o noso territorio en superficie e os innumerables mananciais que flúen subterráneos aflorando en pozos, minas ou fontes para abastecer persoas ou fertilizar terras, as augas de Galicia, como as do conxunto do planeta, requiren dunha dedicación e uns coidados que preserven a súa calidade e garantan a súa continuidade no futuro.

A auga é un elemento esencial no medio natural e, como tal, ten que integrarse nun lugar preponderante nas estratexias e nas actitudes responsables para o seu coidado.

Nesa dirección, a Organización das Nacións Unidas –coa creación do Día Mundial da Auga- e outras instancias, entre elas a Unión Europea –que elaborou unha Directiva Marco específica sobre a materia-, están a promover e fomentar, no ámbito internacional entre institucións e cidadanía, a transcendencia do recurso e a importancia de preservar a súa calidade.

En Galicia, institucións e administracións públicas con competencias na materia, organizacións e entidades de diversa índole, e un número cada paso máis crecente de cidadáns, están a implicarse nese labor de fomento e participación na tarefa de protexer e preservar a calidade dos recursos hídricos.

Entre todos é preciso que intensificar a concienciación arredor da conservación da auga, implicándonos no seu coidado e nun consumo responsable. A xestión da auga debe ser unha tarefa compartida entre gobernos, institucións, comunidades e persoas, na procura de dispoñer en cantidade e calidade dun elemento capital para o nacemento e continuidade da vida na nosa terra.

Unha tarefa na que cada pinga debe ser considerada como unha pebida do precioso tesouro que a auga é, non só para a natureza, senón tamén para o conxunto dos seres vivos e das actividades que nos permiten gozar dun crecente nivel de calidade de vida, dun desenvolvemento sostible, no que a auga –en cantidade e calidade- seguirá a ser imprescindible.

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical