Vázquez, á dereita de todo, estivo hai uns días por Muros e Noia
“Subvencionar o despedimento non serve para criar emprego, senón para destruílo”
Boiro, 15 Abril de 2010. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, abriu este serán no Centro Social de Boiro os actos públicos que a formación nacionalista vai desenvolver por todo o País para divulgar as súas propostas para superar a crise económica.
O líder nacionalista asegurou que “as propostas para abaratar o despedimento” que manexa o Executivo central revelan que o Goberno Zapatero se atopa en plena “deriva dereitista”.
“Subvencionar o despedimento non serve para criar emprego, senón para destruílo”, razonou o portavoz nacional, para quen “estamos ante receitas xa ensaiadas no pasado e que nunca deron froito”.
A xuízo do portavoz nacional, o Goberno Zapatero está a seguir os ditados “dos chamados mercados internacionais”, no canto de atender “os intereses das maiorías sociais”. “Zapatero mentiu no seu día cando negou a crise. E volveu a mentir cando afirmou solemne que non ía tocar os dereitos sociais. É evidente que si o está a facer, co pensionazo e con estas propostas para facilitar o despedimento dos traballadores”.
“Nen os sectores máis estremos da Patronal podían imaxinar que o Estado se fose ofrecer a asumir parte dos custos dos despedimentos. Nun Estado con 4,2 millóns de parados é verdadeiramente escandaloso que se propoña subvencionar non a creación de emprego, senón a súa destrucción”, avaliou.
Mais si hai alternativa, defendeu, e pasa por “un novo modelo de economía” baseado “no coñecimento, na creación de valor engadido, no traballo cualificado e dignamente retribuido e no desenvolvimento dos sectores produtivos”. Neste sentido, considerou “tráxico” que Galiza poda perder o control sobre R, o buque insignia da sociedade do coñecimento no noso País.
“Cómpre desenvolver os sectores produtivos, cómpre investir en capital humano e cómpre substituír a economía do tixolo, do ladrillo, pola economía do coñecimento. Xusto todo o contrario do que se nos propón desde o receitario neoliberal que infelizmente continúan aplicando quer o goberno de Feijóo quer o de Zapatero”, concluíu.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario