O Viceportavoz do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas dixo hoxe no Parlamento que “ou ben se abre unha investigación independente diante de tal cúmulo de casualidades nas oposicións ou ben temos que pensar que foi o Espírito Santo o que obrou o milagre das oposicións do SERGAS
PSdeG DENUNCIA QUE “HAI TRIBUNAIS DO SERGAS PRESIDIDOS POR SUBDIRECTORA E XEFA DE SERVIZO QUE TEÑEN RELACIÓN LABORAL DIRECTA COS OPOSITORES QUE OBTIVERON AS MELLORES PUNTUACIÓNS NAS PROBAS SELECTIVAS”
Santiago de Compostela, 15 de abril 2010. O viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Manuel Lage, denunciou hoxe, na Comisión 5ª do Parlamento, que “hai tribunais do Sergas presididos por persoas que teñen relación laboral cos opositores que obtiveron as mellores puntuacións nas probas ás que se presentaron”. O deputado fixo esta afirmación durante a comparecencia da Directora Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, na citada comisión.
O Viceportavoz do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas dixo que “ou ben se abre unha investigación independente diante de tal cúmulo de casualidades nas oposicións ou ben temos que pensar que foi o espírito santo o que obrou o milagre das oposicións do SERGAS”.
O deputado asegura que “os opositores que sacaron as mellores notas nas oposicións do Sergas foron examinados por dúas presidentas de tribunal que son as súas xefas na dirección xeral de recursos humanos”.
Lage Tuñas denuncia que tanto a Presidenta do Tribunal das probas de Auxiliar Administrativo como a Presidenta do Tribunal de ATS/DUE das oposicións do SERGAS son compañeiras de traballo e superiores xerárquicas dos opositores que quitaron as mellores puntuacións nestas probas.
Na súa intervención pediulle á Directora Xeral de Recursos Humanos que compareceu hoxe en sede parlamentaria “que explicara o cúmulo de casualidades e os indicios de irregularidades nas oposicións do SERGAS” pero “a directora xeral optou por negar as evidencias e dixo que ela só apreciaba “normalidade”.
O Viceportavoz do Grupo Socialista relatou na comisión “as casualidades que se produciron en varios procesos selectivos do SERGAS, onde traballadores da Dirección Xeral de Recursos Humanos alcanzaron as mellores notas, cando concorren máis de 7.500 persoas a ditas probas. Advirte ademais que “a alarma social vai en aumento, e non son responsables nin a oposición nin os medios de comunicación senón o goberno galego ao non tomar decisións contundentes, que devolvan a tranquilidade aos opositores”. Lage di que “é vergonzoso escoitar á directora xeral decir que é “normal” que as mellores puntuacións sexan obtidas por parte de persoas que están participando no proceso de preparación das oposicións dende a Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS.
O viceportavoz socialista dixo que “a min paréceme que é moita casualidade, pero pode ser tamén que fóra “o espírito santo” o que obrou o milagre”.
O deputado proclama que “o milagre das oposicións do SERGAS” é un caso tan escandaloso que “ben faría o Presidente da Xunta de Galicia en tomar a iniciativa e depurar responsabilidades no seu Goberno, xa que o goteo continuo de sospeitas e casualidades está facendo moito dano ao sistema de acceso ó emprego público que ten a Xunta de Galicia”. Engadíu que “as persoas que obtiveron as mellores puntuacións á súa vez son traballadores con relación laboral directa con que preside os tribunais das oposicións. Cómo se lle chama a iso?” “CASUALIDADE, MILAGRO, OU é que ALGUÉN DO GOBERNO VAI ASUMIR RESPONSABILIDADES POR ESTE ESCÁNDALO MAIÚSCULO”.
O Viceportavoz do Grupo Socialista lembraba hoxe que “as tres persoas que traballan coa Subdirectora responsable das oposicións acadaron as mellores puntuacións nos procesos aos que se presentaron e son tamén as mesmas persoas que están traballando no departamento onde se reciben os pendrives cos exames por parte dos Tribunais, e onde se formatean e imprimen os mesmos exames”.
Explica que “a condición de opositores que tiñan estas persoas impedíalles taxantemente desenvolver estas funcións”. E sinala “que o Director Xeral da Función Pública tamén coñecía éste caso ao igual que o coñecía a conselleira de Sanidade e están mirando para o outro lado sen facer nada”, concluíu.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario