Na bisbarra de Barbanza hai polo menos 15.000 fogares en "zona branca" (sen conexión) e en Noia, sobre 12.000.
En Comoxo (Boiro) é máis doado pegar un berro e que te escoiten en Boiro que mandar un correo electrónico
Din que en tres anos o 95,6% da poboación desta zona terá acceso á banda larga a través de redes fixas, sen fíos e NGA´s e o 4,7% restante mediante satélite
Barbanza-Noia, 28 de abril de 2010.- O 95,63% dos habitantes da provincia da Coruña terán acceso a un servizo de Internet de calidade no 2013 grazas ao Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia, explicou hoxe o a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira. Foi durante a presentación das liñas do Plan aos alcaldes da provincia coruñesa, onde fixo fincapé na importancia de manter a colaboración entre todos os axentes implicados nesta iniciativa de marcado carácter transversal. A responsable do departamento autonómico indicou que estamos nun momento de “sumar esforzos” o que, neste caso concreto, inclúe todas as consellerías da Xunta, concellos, deputacións e operadores de telecomunicacións.
Pode que vostede, que le estas liñas, non teña ningún problema na súa casa para recibir Internet cun mínimo de calidade. Pero moitos pequenos núcleos de poboación de Barbanza e Noia, e mesmo ás aforas dalgunha vila, a conexión a Internet ten o mesmo nivel que en Etiopía. Máis de 15.000 fogares en Barbanza e 12.000 na zona de Noia teñen graves dificultades para conectarse, co que iso supón a estas alturas do século XXI. Non poder recibir a televisión por TDT é bastante menos perxudicial que non ter unha boa conexión a Internet, pois o abano de posibilidades da Rede de redes é ben máis amplo que o da unidireccional sinal televisiva.
O Plan presentado hoxe pola Xunta contempla o despregamento de redes fixas que permitirán garantir a dispoñibilidade e o acceso a banda larga nos núcleos con maior demanda desatendida nas zonas carentes deste servizo a través de redes de alta capacidade. Na provincia da Coruña o 80% da poboación contará con acceso a redes cableadas de banda larga. Tamén se prevé a extensión de redes sen fíos a todos os núcleos de máis de 100 habitantes e todos os de menor tamaño con alta demanda de servizo que non se cubran con outras actuacións. Desta medida beneficiarase o 7% dos habitantes da provincia. Ademais, incentivarase o desenvolvemento de Redes de Nova Xeración (NGA´s), con velocidades de 100 Mbps que chegarán ao 40% da poboación desta provincia. A cobertura completarase a toda poboación a través do satélite. O denominador común de todas estas actuacións é a prestación dun servizo de banda larga de calidade, con velocidades de acceso superiores a 2Mbps, chegando a 100Mbps no caso de redes de nova xeración.
Rapaces tirando da wifi da casa de cultura de Porto do Son
Actualmente, moitos concellos galegos están levando a cabo proxectos de implantación de redes municipais de banda larga para tratar de solventar as necesidades de conexión a Internet dos seus veciños. Neste sentido, a secretaria xeral advertiu que a Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) vén de aprobar o anteproxecto de circular no que se establecen as condicións que deberán cumprir as Administracións públicas cando estas exploten redes ou presten servizos de comunicacións electrónicas. O establecido no anteproxecto de circular, tras a súa aprobación final, pasará a ser de obrigado cumprimento para calquera Administración Pública que explote redes ou preste servizos de comunicacións electrónicas.
Para acceder a máis información sobre esta cuestión Mar Pereira lembroulles aos responsables municipais teñen á súa disposición a Oficina eConcellos, á que tamén poden acudir para calquera aclaración ou consulta sobre as previsións locais do Plan de Banda Larga. Ademais, este servizo está a poñer en marcha unha iniciativa para analizar os proxectos municipais de despregamento de BL co obxectivo de maximizar os resultados dos proxectos locais, e potenciar a coordinación evitando duplicar esforzos e investimentos.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario