Boiro, 8 de abril de 2010. O portavoz da plataforma "Queremos Galego" na Barbanza, Carlos Mosteiro, presentou o inicio da campaña de recollida de sinaturas a prol da Iniciativa Lexislativa Popular nesta comarca.
Carlos Mosteiro, nunha imaxe para unha entrevista aquí
Como é política deste xornal, anotámoslles íntegro o escrito:
"A plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO, convoca hoxe aquí en Boiro aos medios de comunicación habilitados na Barbanza, para presentar diante da opinión pública o que pretendemos sexa o inicio dunha INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR a prol dos deritos lingüísticos das galegas e dos galegos, que ten como actividade central a RECOLLIDA DE SINATURAS para solicitar dos grupos parlamentares galegos o inicio dos trámites oportunos para o seu debate no Parlamento de Galicia.
Quizais non sexa necesario recordar que logo do pasado 1 de marzo de 2.009, e co acceso do Partido Popular ao goberno da Xunta, rompeuse un amplo acordo de equilibrio que a respecto do idioma se tiña alcanzado durante o goberno bipartito, acordo do que curiosamente formou parte o propio PP e que foi aprobado polo Parlamento. Sen embargo a estratexia electoral do partido agora no poder, mudou radicalmente esta situación. Xa os primeiros anuncios do novo goberno constituiron un ataque indiscriminado, gratuito, inxusto e inxustificado contra o noso idioma, unha estratexia preparada polos conservadores en clara conivencia cos sectores sociais e mediáticos máis contrarios ao galego. Un ataque tan virulento que non se recorda outro semellante na historia máis recente do país. Seguramente habería que retroceder no tempo ata etapas preautonómicas, mesmo preconstitucionais para atopar unha agresión semellante contra a nosa lingua.
A famosa CONSULTA DO GALEGO, coa que o goberno facía unha escandalosa deixación de funcións, traspasándolle toda a responsabilidade ás nais e pais dos alumnos e alumnas, fíxose a través dunha enquisa sen as máis elementais garantías democráticas, no máis puro estilo dos referendos franquistas, tanto na súa comunicación, como no seu desenrolo e posterior reconto de resultados. Cómpre recordar que tan só un 20% dos pais chegaron a participar efectivamente naquela enquisa, chegando á paradoxa de que o resto da poboación, os que non tiñan fillos ou fillas en idade escolar, non tiñan dereito, segundo o goberno galego, a opinar sobre o seu idioma.
O mal chamado DECRETO DE PLURILINGÜISMO (que de feito da ao inglés tratamento de lingua oficial) non é máis que unha
cortina de fume que agocha unhas
actitudes perigosamente galegófobas e acomplexadas por parte do goberno da xunta, e busca claramente o ninguneo da nosa lingua e a redacción da súa acta de defunción. Así o viron todas as institucións galegas que foron consultadas, nomeadamente o CONSELLO DA CULTURA GALEGA e a ACADEMIA DA LINGUA que emitiron informes ben argumentados e absolutamente desfavorables.
Diante desta situación a plataforma QUEREMOS GALEGO apela á enerxia e ao sentido común da cidadanía galega, para que amose de forma democrática o seu rexeitamento, e invitamos a participar masivamente nesta recollida de sinaturas, como medio de facer chegar ao goberno do sr. Núñez Feijó o noso total desacordo coa súa política lingüística, e sobre todo cos principios que rixen o DECRETO que se pretende aprobar. Invitamos a todos e a todas a PARTICIPAR, independientemente do seu posicionamento político, porque o que está en xogo é a lingua, a súa supervivencia... E nesto estamos TODOS implicados, porque a TODOS nos afecta.
Moitas grazas".
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario