15.4.10

Noia: esta fin de semana, homenaxe a Domingo Fontán o sábado 17 e teatro afeccionado o domingo 18


Noia, 15 de abril de 2010. O 17, sábado, haberá un acto de homenaxe a Domingo Fontán Rodríguez, organizado polos Concellos de Noia e Lousame. O inicio do acto será ás 12:00 e consistirá no descubrimento dunha placa na casa da rúa do Curro na que morou un tempo e, sobre as doce e media, apertura e inauguración da mostra "Mapa de Fontán e cartografía de Galicia", no Coliseo Noela.

Quen era Domingo Fontán?

Un xeógrafo nado en Pontevedra (Portadeconde, Portas, o 7 de abril de 1788). Foi o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, que resultou ser tamén o primeiro feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas.

1 of 2

Vivenda de Domingo Fontán, onde se atopa a actual Praza de Abastos.

Que ten que ver Fontán con Noia e Lousame?

Participou na creación da primeira fábrica de papel de Galicia, que estivo en Lousame en 1863, e residiu por iso en Noia, na casa das fotografías que o actual alcalde, Rafael García Guerrero, subiu ao seu blog, de onde as tomamos.

Fontán é un persoeiro que debería ser lembrado máis a miúdo nesta terra: traballou mentres foi deputado por Pontevedra para que se aboliran os foros que pesaban como unha lousa sobre o campesiñado galego e tamén loitou (semella que non deu moito resultado, polo que seguimos a ver) contra o caciquismo. Ademais do mapa do que falamos e da primeira fábrica de papel, tamén foi pioneiro no ferrocarril: axudou no deseño do trazado da primeira liña férrea de Galicia en 1858, entre Santiago e Carril (Pontevedra) que sería inaugurada en 1871.

Domingo Fontán morreu en Cuntis, o 24 de outubro de 1866. Está enterrado no mesmo sitio que Rosalía e Castelao, no Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval, ao pé do Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela.


Teatro o domingo 18: Melocotón en almíbar

Teatro Mutis representará a obra "Melocotón en Almíbar", do director Xoán Manuel Fernández. Ás 20:30 h. no Teatro Coliseo Noela. Hai unha obra de Miguel Mihura, clásica xa, que se titula do mesmo xeito e na que supoñemos está baseada a de Teatro Mutis. Adxuntamos un pdf co resumo desta obra que atopamos en El Rincón del Vago e que recomendamos non empregar para traballos de clase, sobre todo pola "azaña" do final, aínda que hai máis "fazañas ortográficas".

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical